Abel Caballero culpa os gobernos do PP da suba das peaxes na AP-9

O alcalde de Vigo di "ignorar" o convenio con Audasa asinado polo socialista Pepe Blanco e critica a Feijóo por clamar agora contra o incremento e non facelo cando gobernou Rajoy.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 02/11/2018 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, responsabilizou os gobernos do PP do feito de que a AP-9 teña unhas peaxes "desorbitadas", e afirmou que "ignora" que houbo un convenio aprobado en 2011 entre Audasa e o Executivo socialista, e que regulou a compensación á empresa —vía incremento tarifario— polas obras de ampliación da autoestrada.

Abel Caballero
Abel Caballero | Fonte: Europa Press.

O rexedor olívico lamentou que os usuarios da autoestrada están agora "soportando" as decisións do goberno de Aznar e do último ano de Mariano Rajoy. Así, precisou que o primeiro ampliou a concesión de Audasa en 45 anos, e o segundo permitiu as obras de ampliación asumindo "compromisos" que desembocaron en "subas intolerables e prezos escandalosamente altos".

"Desde a cidade quero levantar a miña voz contra estas peaxes desorbitadas", proclamou Abel Caballero, quen insistiu en que "as decisións do goberno de Rajoy fixeron que esas obras de ampliación, que se tiñan que financiar polo Goberno, se cargasen aos usuarios".

Cuestionado polos medios sobre o convenio de 2011, asinado polo entón ministro de Fomento, o socialista José Blanco, e Audasa, e que regula a compensación á empresa polo investimento nas obras de ampliación —co incremento de peaxes—, Abel Caballero afirmou: "Se efectivamente o houbo —ese acordo—, que eu o ignoro, debería ter sido revogado polo goberno de Rajoy, que gobernou seis anos este país".

CRÍTICAS A FEIJÓO

O alcalde, quen lembrou os prexuízos que esas tarifas supoñen para a economía de particulares e empresas, arremeteu tamén contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por non reclamar "xamais", cos gobernos do PP, mecanismos para que as tarifas da AP-9 fosen "asumibles".

Así, o primeiro edil de Vigo instou ao presidente galego a que, "en lugar de pedir a transferencia, ou ademais de pedila", busque fórmulas para abaratar as peaxes. "Nunca, con Rajoy no goberno, dixo que a AP-9 ten uns prezos insoportables, faino agora, cun goberno de Pedro Sánchez", denunciou, e criticou a "actuación partidaria" de Feijóo, que "se supeditou aos intereses de Rajoy".

Por outra banda, con respecto á reclamación de que se suprima a peaxe de Rande-Redondela, tal e como anunciara o Executivo 'popular', Abel Caballero incidiu en que esa "non é unha reivindicación" súa. "Eu o que quero é baixar a peaxe", insistiu, e recalcou que o tramo Vigo-Pontevedra "é moi importante" para a cidade olívica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Falemos galego

A concessão da AP9 foi estendida ata o ano 2048 polo governo do PP, os governos do PSOE e o PP assinam acordos para subir as tarifas com efeitos retardados e os galegos a pagar as inaugurações dos politiquinhos. Dentro de duns dias tudo esquecido e a seguir pagando