Suspendido por irregularidades o congreso no que Aitor Bouza ía ser elixido líder das Xuventudes Socialistas

A comisión executiva federal de Juventudes Socialistas de España suspende o congreso extraordinario que se ía celebrar esta fin de semana e nomea unha comisión xestora mentres non se designe unha nova directiva para a organización galega.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/11/2018 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

As Xuventudes Socialistas de Galicia non poderán elixir, de momento, novo secretario xeral. A comisión executiva federal das Juventudes Socialistas de España suspendeu o congreso extraordinario que se ía celebrar este sábado, no que Aitor Bouza ía saír elixido secretario xeral. O órgano federal considera que se cometeron numerosas irregularidades no proceso para elixir o novo líder.

Xuventudes Socialistas de Galicia, con Aitor Bouza no centro.
Xuventudes Socialistas de Galicia, con Aitor Bouza no centro.

A comisión executiva federal intervén ademais a organización galega e nomea unha comisión xestora mentres non se designe unha nova directiva, adiantou a TVG.

O órgano federal destaca entre esas irregularidades que non seu informou aos militantes da apertura do proceso de primarias mediante as vías e mecanismos apropiados. De feito, lembra que se fixo a través das redes sociais, algo que, segundo a comisión executiva federal, non se axusta á nomativa interna.

Tamén sinala a escasa marxe de tempo que se ofreceu para a presentación de candidaturas, tan só dous días, cando o regulamento di que o prazo para a recollida de avais debe durar 15 días. Isto tería impedido a presentación de candidaturas alternativas ás de Bouza, quen foi o único candidato.

A executiva acusa ademais a Aitor Bouza de ter actuado xa como secretario xeral, sendo consciente de que non tiña lexitimidade para facelo, asumindo que xa era o sucesor do anterior líder, Nabor González, quen dimitiu por motivos persoais.

Outra das irregularidades cometidas, segundo o órgano federal, foi que a dirección socialista galega non lle facilitou información do proceso malia que se solicitou desde Madrid.

Por todo isto, e tal e como adiantou a TVG, este órgano suspende o congreso que as xuventudes galegas ían celebrar mañá e do que Aitor Bouza ía saír elixido como secretario xeral. Agora toma as rendas da organización a xestora, mentres non se designe unha nova directiva.

O ourensán Nabor González asumira hai un ano a secretaría xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia en substitución precisamente de Aitor Bouza. O pasado 20 de outubro, González facía oficial a súa renuncia a seguir e as Xuventudes convocaban un Congreso Nacional Extraordinario para elixir novo secretario xeral, un cargo para o que Aitor Bouza foi o único aspirante.

Bouza chegou a dicir que a súa candidatura "só responde de forma consensuada a unha situación excepcional e completamente provisional". "Asumo a responsabilidade que este posto require, tendo unha clara determinación e coñecendo o mandato dos meus compañeiros", dixo. Declaracións nas que xa asumiu a secretaría xeral da organización e que non gustaron en Madrid, onde decidiron actuar e frear o proceso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Será que o PSOE non soportaría unha República Galega ? https://youtu.be/7xJ3_dxxUAM