Morre Xulio Fermoso, o compositor de música protesta galego-venezolano

Morreu un dos cantautores da música protesta de Galicia, Xulio Formoso, de orixe galego-venezolano. Ademais de compositor e músico, Formoso era enxeñeiro civil e enxeñeiro de sistemas da UTSA en San Antonio de Texas. O analista Xurxo Martiz, tamén galego-venezolano, lembra a este compositor comprometido.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 06/11/2018 | Actualizada ás 23:18

Comparte esta noticia

Xulio Formoso in memoriam

Xulio Formoso, cantautor galego-venezolano
Xulio Formoso, cantautor galego-venezolano

A década dos 60 en Latinoamérica foi a da guerrilla, O Che, Fidel, a guerrilla venezuelana, Neruda, Parra, e tantaos outros. En Venezuela non era distinto. Á espreita do que acontecía en París, máis perto para os venezuelanos que para os españois.  Desa época é na que Xulio participa activamente na vida cultural venezuelana. Na fundación do mítico grupo teatral Rajatabla do Ateneo de Caracas.

O segundo disco de Xulio, primeiro segundo os venezuelanos, foi precisamente o titulado Xulio Formoso. Nado a raíz da súa participación na obra Tu país está feliz, Diseño 7 e o selo discográfico Souvenir patrocinaron o primeiro disco como solista de Xulio, no cal musicaliza e canta temas do brasileiro Antonio Miranda, de Celso Emilio Ferreiro e de Farruco. Pero en verdad, Por un amor integral, Condicionados, Por la larga lejanía, Gente pobre (versión II), Cronos-Cosmos, Cantiga de la ciudad que hierve, Voy a cerrar un inventario, Vivir será un incesante fluír, Y he sido feliz e El cuerpo del poema compoñen os temas deste álbum.

A música de Xulio Formoso está presente en discos como Tu país está feliz, da obra teatral do escritor brasileiro Antonio Miranda, baixo a dirección do director teatral do arxentino-venezuelano Carlos Giménez.  Dende a súa estrea no Ateneo de Caracas o 28 de febreiro de 1971, tivo un extraordinario éxito con máis de seiscentas representacións en Venezuela e Latinoamérica. O traballo reúne as 14 cancións que Xulio compuxo especialmente para a obra, segundo os versos de Miranda. Segundo a prensa da época, o segredo destes mozos que participaron na obra residía no mesmo segredo dos paxaros, que ningún dos dous sabía música, a música... eran eles. Os temas do traballo eran La poesía, Por un amor integral, Versos itinerantes I, Versos itinerantes II, Viajo tu cuerpo, El cuerpo del poema, El mundo está hecho de palabras, Cuando me vaya a la luna, Vivimos en un mundo de absurdos dualismos, Los hongos, Voy a cerrar por inventario, Tu país está feliz, Condicionados e Vivir será un incesante fluir.

En 1973 sae o disco  Chipi Manahuac baixo o selo El Palacio de la música. Din que este traballo é herdeiro das viaxes do artista por Perú, Bolivia, Ecuador e Chile. Xulio interpreta temas da súa autoría, como o que da nome ao disco, Chipi Manahuac, Cuento para niños de buena familia, 29 de junio de 1949.

O compositor galego-venezolano Xulio Formoso
O compositor galego-venezolano Xulio Formoso

En febreiro de 1976 grava Soles y centauros co grupo Sensemayá, no cal Xulio interpreta unha canción en idioma náhuatl, Xochitl Cuicatl. Este disco está integramente dedicado á historia da conquista do imperio azteca polo Reino de Castela. Un estudo minucioso da historia dos aztecas e de Carlos V xunto á obra de Carlos Fuentes Todos los gatos son pardos.  

Entre xullo e agosto de 1976 Xulio Formoso e Sensemayá gravan Levántate Rosalía, en homenaxe ao escritor venezuelano Aquiles Nazoa con portada e contraportada do artísta Zapata. Kennel Club, Se embromó Colón, Elegía al tranvía, Nuestras musas trasnochadas, Corrió el comecandela, El último pandehornero, Serenata a Rosalía, Lluvias, Consideraciones acerca de la educación de los cochinos, Amor, cuando yo muera son os temas do disco. Baixo a distribución de Ocre, a produción de Ana Avalos e a participación de Luis Suárez, Franklin Mejias e Antonio Alcalá.

Pero un dos traballos máis intimistas de Xulio foi o seu sexto LD La canción que va conmigo (1974)  titulo dun poema de Celso Emilio Ferreiro. Con portada de Zapata, son varios os temas que teñen a súa letra. Mi amigo Luis Carlos Enrique Miguel, Mi amigo el intelectual, Canción para mi hijo son seus en letra e música. Canción de infancia de Carlos Sahagún, Escuchan los botines pasar de Bulat Okudzhava, Estas palabras que digo de Celso Emilio Ferreiro, Romance de la conciencia de Francisco Giner de los Ríos, Contracanto a Walt Whitman Nº 1 de Pedro Mir e Pero no lo sabía de Gloria Martín, son os temas aos que Xulio lles pon música neste traballo.

Xulio viaxa en 1975 nunha xira que o levará a Puerto Rico e a Dominicana, país este do que será expulsado despois dun concerto nun cárcere. Esta é a súa época de militancia política, que desenvolverá en Venezuela a partir do ano 1974 na campaña electoral do Movimiento al Socialismo (MAS) da man do candidato e hoxe vicepresidente do goberno revolucionario bolivariano José Vicente Rangel.

Grava por aquelas épocas un disco dedicado a Rangel e ao MAS, partido ao que tamén doara o seu premio de novela Rómulo Gallegos o escritor Gabriel García Márquez. A actividade política de Xulio estivo marcada polos acontecementos e vivencias dun home comprometido coas causas xustas. Participara nun recital en Santiago de Chile apoiando á Unidade Popular xunto a Violeta Parra e Pablo Neruda.

En 1975 grava e pon música ás letras do poeta cubano Nicolás Guillén, Guillén el son entero baixo o selo Polydor. Os temas deste disco son Guitarra, A Chile, Las dos cartas, Abril sus flores abría, Muchacha recién crecida, Coplas americanas, Sensemayá, El soldado Miguel Paz, Arte poetica e  Plan del machete o único tema que non é de Guillén senón de Carlos Puebla. Para Xulio, segundo di no disco, “Guillén non só representa o sentir cubano, senón a esencia mesma do continente Latinoamericano, coas súas loitas, alegrías e tristuras”. 

Xulio Compositor da música da obra do poeta, ministro e sacerdote revolucionario nicaragüano Ernesto Cardenal, El séptimo ángel compón tamén á de El círculo de tiza de Bertold Brecht e o exilio democrático chileno dedícalle a Xulio o disco Chile, fuego e poesía.

En maio de 1978 grava Amantes de ningún lugar, con textos de Farruco baixo o carimbo Ediciones del Agua Mansa. Nel “os cantos verdadeiros parten montañas, o cal pode significar unha gran cantidade posíbel de cousas. Dar un paso cara a adiante no amor. Espertar a unha cidade. Facer retroceder a un exército. Adentrarse nos cambios profundos da paisaxe humana. Partir unha montaña; incendiar un prado, asaltar o ceo”.

Con hilo rojo, Flor y cuchillo, Semilla de la locura, Por el que adorna su nombre, Aunque la fruta esté verde, De la plaza al arenal, Por no querer mentir, Cuando tomo el canto, Hasta la misma barca, Voces y bosques, Tu otra sombra, Sea el aire dividido, Recuerda la serena calle son os temas do disco que contou coa colaboración dos músicos venezuelanos Rómulo Rodríguez e Alejandro Sierra..

Este disco, premonitorio, agradece a Xulio que prestara a súa voz, o seu talento e a súa asombrosa capacidade de traballo. Farruco agradécelle “Pola nosa banda e cos nosos escasos recursos, aquí, nesta beira onde nos atopamos, temos, porén, a confianza de estar iniciando unha onda de largo océano. E unha onda xunto con outras ondas, xa se sabe, teñen poder para gañar calquera batalla en derradeira instancia”. Premonitorio.

O labor musical  de Xulio complétase coa composición da Cantata a Bolívar en 2005 por encargo do ministerio de cultura do goberno revolucionario bolivariano. Voltou despois de dirixir o estatal Centro Nacional del Disco, Cendis, a Vigo, cidade na que colaborou como ilustrador no suplemento cultural de Faro de Vigo.

Xulio Formoso morreu en novembro en Madrid. Descansa en paz compañeiro, amigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta