Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/11/2018 | Actualizada ás 13:22
A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) considera "ilóxica e contraria a todas as regras do Dereito Fiscal" a decisión do Tribunal Supremo acerca do pagamento dos impostos das hipotecas. Nunha rectificación dun fallo anterior, o Supremo acordou que serán os clientes, e non os bancos, quen deban pagar o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados nos préstamos hipotecarios.
Así, resalta que a este "gravísimo erro de interpretación xurídica engádeselle o moi especial contexto deste caso", cun presidente da Sala, Luis Díez-Picazo, "afectado por causa legal ao prestar servizos docentes dous cursos académicos nun centro universitario titularidade da Asociación Española".
Para a Asociación Galega de Consumidores e Usuarios, o sucedido estes días "causa un enorme dano á reputación do cumio xudicial español" e engaden que "a desconfianza da cidadanía cara a súa función de unificación xurisprudencial no Estado de Dereito está totalmente xustificada".
DECISIÓN POLÉMICA
Esta decisión plenaria estima que é o cliente o interesado e o beneficiado polo outorgamento da hipoteca. Acouga non comprende este razoamento, "xa que cómpre gravar a aquel que se beneficia, e no outorgamento da garantía hipotecaria só se beneficia aquel que presta, non o que recibe", afirman.
O acordo do Supremo foi adiante tras unha votación cun resultado de 15 contra 13. Este órgano recúa, así, e anula a sentenza da súa Sección 2ª do 16 de outubro, pola cal impoñía á banca o pago de dito gravame.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.