Cuntis tamén se mobiliza para ter servizo de pediatría

Iniciarán unha recollida de sinaturas e convocarán concentracións de protesta. Por outra banda, unha camareira do CHUS denuncia que ten que traballar baixo o mando da persoa condenada por acosala laboralmente.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/11/2018 | Actualizada ás 12:09

Comparte esta noticia

A Xunta de voceiros da Corporación Municipal de Cuntis acordou, nunha reunión extraordinaria celebrada o pasado martes, iniciar unha recollida de sinaturas e convocar concentracións veciñais de protesta para esixirlle á Consellería de Sanidade que repoña o servizo de pediatría no centro de saúde de Cuntis. Os puntos de recollida de firmas sitúanse nas dependencias do Concello e a OMIX (Centro Patelas, na rúa Xohán Xesús González). Pola súa parte, as concentracións da veciñanza están previstas para os venres ás 13.00h

Unha protesta en Coruxo (Vigo) pola falta de pediatra
Unha protesta en Coruxo (Vigo) pola falta de pediatra | Fonte: Miguel Núñez.

Isto ocorre logo de que a Xunta de Galicia anunciase  a principios de outubro o traslado do servizo de pediatría de Cuntis e Moraña a Caldas, en principio por un período de só dúas semanas. Porén, a comezos de semana, o xerente de Atención Primaria de Pontevedra confirmaba a decisión da Consellería de suprimir este servizo no concello de Cuntis. O grupo municipal Veciñanza critica que, deste xeito, "revisións periódicas ou vacinas estanse a ver alteradas pola imposibilidade de que o propio servizo de Caldas de Reis asuma un volume de traballo tan elevado."

Por este motivo, Veciñanza chama á cidadanía a participar nas protestas. Insisten en que "é necesario manter a mobilización veciñal para facerlle ver ao Partido Popular que en Cuntis non se vai tolerar unha prestación sanitaria con deficiencias nin máis recortes". 

ACOSO LABORAL

Por outra banda, unha camareira do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS)  tivo que reincorporarse ao seu posto de traballo baixo o mando da persoa condenada xudicialmente por tela acosado laboralmente. A traballadora solicitou a reincorporación ante o perxuízo económico que lle ocasiona estar sen cobrar dende o 31 de maio, situación que persistirá mentres non se resolvan os recursos presentados polos acusados ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A empresa rexeitou a petición de traslado temporal do condenado.

Tanto a empresa, Aramark Servizos de Catering SLU, como o actual director/xerente (antes xefe de cociña) do CHUS, foron condenados polo Xulgado do Social nº 3 de Santiago por "vulneración dos dereitos fundamentais á dignidade e non discriminación". Esa sentenza obrígaos a "adoptar as medidas necesarias para impedir a situación de acoso moral laboral que a demandante vén padecendo".

Con todo, a empresa non aceptou trasladar ao condenado, de xeito que a empregada se viu obrigada a renunciar á medida cautelar de suspensión do seu contrato laboral aínda tendo que traballar coa persoa que a acosou. "Aínda que o xefe de cociña xa non presta os seus servizos no centro compostelán, a miña clienta segue traballando no mesmo centro que o xerente condenado por acosala laboralmente", explica Carmen Romero, avogada da traballadora. Consideran que a empregada está nunha situación de "total desamparo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta