A estraña gravidade do cosmos

Nesta décima exploración emocional de 'Viaxes sen Lee', Gabriel Rei-Doval intérnase no ás veces desaforado magnetismo do cosmos, do que o salva o camiño con corazón.

Por Gabriel Rei-Doval | Rapid City (South Dakota, USA) | 09/11/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Debía de ser eu un cativo cando vin o primeiro capítulo de Cosmos, porque as miñas lembranzas da serie son en branco e negro. Adolescentes dos múltiples países onde se emitiu conectaban naqueles anos coa súa maneira tan new age de conta-los fundamentos do universo; quizais por iso Cosmos acabou enchendo Facultades de Física de medio mundo. Mais eu era aínda preadolescente e ó final os camiños da vida leváronme a ser abducido pola filoloxía primeiro e a socioloxía das linguas despois.

Procurando o equilibrio no interior da Cosmos Mystery Area
Procurando o equilibrio no interior da Cosmos Mystery Area

É plausible porén que o meu espírito e inquisición científicas comezasen naquela altura. Carl Sagan era un divulgador descomunal, e as súas ideas e presenza, decote cun ollar magnético, tíñanme abraiado ante o Phillips da sala de estar. Tamén me cativaba a música marabillosa con que comezaban os capítulos. Os evocadores temas de Vangelis seguramente iniciaron de xeito temperán a miña paixón polo mundo new age, en dueto con aquelas letras de Sagan tan líricas coma o mellor dos poemas contemporáneos. Aínda hoxe, ó escoitármo-la banda sonora de Cosmos sen a voz do xenio de Cornell University parece que a obra está incompleta.

O meu interese pola visión integral e holística do cosmos poida que veña tamén daquela época. Algo disto debía haber no meu maxín cando aquel recepcionista indio de Hot Springs me recomendou visita-lo estraño lugar dos Black Hills do mesmo nome. Descubrírono en 1952 dous novos universitarios á procura dun lugar onde construír unha cabana para o verán. Xa naqueles días, mozos inquedos experimentaban estraños equilibrios e fenómenos magnéticos anormais. Inda hoxe non está clara a explicación de tan atípicas leis físicas que reviran pólas das árbores e fan que o magnetismo estándar dos corpos se comporte de forma anómala. Inexplicable área onde as bolas soben costa arriba e os humanos non somos quen de manternos erguidos coma no resto do globo terráqueo. E os sisudos científicos do Cosmos descendentes de Sagan aínda a cavilar no porqué anómalo das sensacións sentidas nese lugar. 

Sen dúbida, a inmensidade cósmica ás veces ten unha gravidade tan estraña coma a do Cosmos Mystery Area dos Black Hills, ou a da vida cotiá e as súas gravidades severas... en máis dun sentido.  Fortes magnetismos enerxéticos e emocionais difíciles de vencer en ocasións poden ata sacarnos do noso punto de encaixe, mesmo en Gormaz ou Denver. En tales situacións, a escritura e a meditación son fieis aliados contra tanta severidade. A escritura creativa permítenos construír unha casa de palabras ante esa estraña gravidade do cosmos que ás veces nos arrastra alén dos límites da conciencia e do corazón.

Acostumados ás medidas físicas e emocionais habituais, no cerne do cosmos necesitamos outras maiores coma o ano luz. Grazas a elas enxergamos que o noso fogar non está en Breogán, Wisconsin ou Colorado, senón onde reside, ás veces de xeito itinerante, o noso corazón. O cosmos transcende espazo e tempo, velaí a gravidade da nosa existencia e da casa que non deixamos de construír mentres habitamos o corpo físico. 

O universo é rico en misterios e o maior deles só o atopa quen procura a resposta dentro, superando magnetismos desaforados e anómalos. Existen buratos negros que nos arrastran por un tempo lonxe da nosa vía láctea, do camiño con corazón. E é nese mesmo camiño con corazón onde de verdade retámo-los nosos límites e onde asemade atopamos e habitámo-lo centro do cosmos todo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA