Clínicas e hospitais veterinarios poderán ter depósitos de fármacos estupefacientes

O decreto limita o seu uso aos animais de compañía e deixa fóra aos domésticos, dado que forman parte da cadea alimentaria.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/11/2018 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou este xoves o decreto que regula a autorización de depósitos especiais de medicamentos estupefacientes veterinarios para o seu uso clínico en establecementos veterinarios. É a primeira vez que unha norma fixa os requisitos para a apertura dun depósito deste tipo, as condicións da súa almacenaxe e custodia, así como o procedemento que hai que realizar.

Intervención nunha clínica veterinaria. EUROPA PRESS/VIGO - Archivo / Europa Press
Intervención nunha clínica veterinaria. EUROPA PRESS/VIGO - Archivo / Europa Press

En concreto, o decreto afecta a medicamentos estupefacientes, é dicir, aqueles fármacos destinados á analxesia indispensables para mitigar a dor. Recolle que serán empregados para as intervencións terapéuticas urxentes levadas a cabo polo propio centro veterinario tanto en animais de compañía como en silvestres en catividade.

Segundo informa a Xunta, o decreto limita o seu uso aos animais de compañía deixando fóra aos domésticos, cos que, por formar parte da cadea alimentaria, non se podería usar este tipo de medicamentos en beneficio da protección da saúde pública.

A nova regulación, defende o Goberno galego, trata de "evitar o sufrimento innecesario" aos animais. E é que, até agora era preciso prescribir unha receita veterinaria coa posterior dispensación nunha oficina de farmacia que podía significar unha demora no inicio da intervención terapéutica. Con este paso, daríase resposta a unha antiga reivindicación do colectivo veterinario de fixar unha norma que regulase estes aspectos.

AUTORIZACIÓNS E REQUISITOS

Só se autorizan estes depósitos naqueles hospitais ou clínicas veterinarias que figuren inscritas no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade. O depósito estará baixo a responsabilidade dun profesional veterinario, que só poderá solicitar medicamentos estupefacientes veterinarios autorizados pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, e só poderá pedilos na cantidade mínima necesaria.

Ademais, o depósito estará vinculado a unha oficina de farmacia da mesma localidade, que será a encargada de fornecer os estupefacientes con destino ao depósito especial. Cada un destes centros deberán contar para o depósito dunha zona independente e pechada destinada a almacenar os medicamentos estupefacientes. O local terá que contar coas "condicións adecuadas" de temperatura, humidade e luz. Ademais, os centros deberán garantir en todo momento "a custodia dos fármacos", evitando calquera posibilidade de dedicación a usos indebidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta