Caza aos furtivos: detidas catro persoas por poñer lazos trampa para aforcar lobos e outros animais

Os aparellos foran colocados na serra do Barbanza nunha zona de tránsito de animais. Axentes do Seprona de Noia e do posto principal da Garda Civil de Boiro actuaron tras as denuncias de Axena.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/11/2018 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Axentes do Seprona de Noia e do posto principal da Garda Civil de Boiro detiveron esta semana a dúas persoas acusadas de colocar lazos trampa para animais na serra do Barbanza. Outras dúas persoas foron tamén arrestadas como presuntas colaboradoras.

Axente da Garda Civil retira un lazo trampa na serra do Barbanza
Axente da Garda Civil retira un lazo trampa na serra do Barbanza | Fonte: Axena.

Os detidos están acusados dun delito contra a protección da flora, fauna e animais domésticos, e foron postos a disposición xudicial, no Xulgado de Instrución  Nº2 de Noia.

A asociación naturalista Axena foi a que deu a voz de alarma, logo de detectar en varias das súas saídas pola serra de Barbanza a presenza destes lazos trampa (cables de aceiro con lazo corredizo) na zona de tránsito de animais. Tras unha longa investigación, os axentes lograron identificar as catro persoas presuntamente implicadas neste asunto.

"Os lazos estaban moi ben postos para facer moito dano no camiño de paso dos animais, xusto por debaixo dun valo no monte. Alí, os animais teñen que agocharse para pasar por debaixo do valo e o primeiro que coan é a cabeza. Se pasan a cabeza xusto polo lazo (inténtannos poñer xusto no medio do paso), o animal pasa o fuciño e o resto da cabeza, pero claro, ao empurrar o lazo vaise pechando e canto mais nervioso se poña, máis se pechará o lazo, chegando o pobre do animal a auto-aforcarse", explican desde Axena.

Os membros desta asociación subliñan que os lazos foron colocados nunha zona da serra do Barbanza onde hai lobos, localización da que xa advertiran a finais de xullo ao Seprona e aos axentes de medioambiente da Xunta.

"Afortunadamente, as autoridades investigaron o asunto ata atopar a quen anda poñendo lazos de aceiro contra os animales (o lazo non fai distincións de cabalos, vacas, cans domésticos...) no noso monte", celebran en Axena.

"Agora cabe preguntarse: cántos máis lazos hai colocados na serra? Utilizan outras técnicas de trampeo ilegais? Botan tamén veneno no monte?", pregúntanse os ecoloxistas, que esperan que "a Xustiza aplique a lei para que estas persoas nunca máis volvan realizar actos criminais tan miserables contra o noso patrimonio natural".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta