Coñecendo o mundo 'gamer', un primeiro paso

A afección aos vídeoxogos está abrindo o seu propio espazo, ou mellor dito, os seus propios espazos, tanto físicos e presenciais como virtuais. Co nacemento de locais especializados en atender unha clientela “gamer”, a socialización e conexión entre os membros deste público fan posible partidas que inclúen un número antes impensable de xogadores.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un gamer é un xogador en inglés, de calquera deporte ou xogo de mesa, etc. Pero dentro do contexto que imos tratar, gamer, ou gamers, son as persoas que invisten unha boa parte do seu tempo libre en xogar, practicar e adestrar de cara a ser cada vez mellor participando en xogos electrónicos. O obxectivo? Iso, ser moi bo nun determinado xogo, ou varios, poder compartir as súas habilidades competindo con outras persoas afeccionadas e tamén, se existe a posibilidade, participar en eventos ou torneos gamer. Algunhas destas competicións, xa para profesionais, poden poñer sobre a mesa premios de millóns de dólares.

Gamer diante do computador
Gamer diante do computador | Fonte: gamerzona.com

No caso de Galicia, o primeiro campeonato creado para gamers foi o Faneka Gaming, organizado en Cangas do Morrazo. Entre os días  20 e 22 de xullo xuntáronse máis de 1.500 persoas para un encontro que quixo xuntar persoas de todos os lugares posibles. Houbo unha exhibición de todas as posibilidades de xogos que puido acoller o encontro. Non obstante, a raíz deste encontro está nos primeiros locais abertos exclusivamente para xogadores ou gamers de gaming.

GAMING

O gaming é a competición con vídeoxogos. Poden ir desde unha persoa só, dúas ata a partidas entre equipos. Cantas persoas por equipo? Depende das regras, do tipo de encontro, da competición en si mesma. Pero se imos aos comezos, primeiro foron os fogares, logo salóns recreativos e agora locais de gaming. Co desenvolvemento de Internet foi posible a aparición de webs, plataformas e foros que se especializaron neste tipo de distracción.

Logo, coas melloras, suxestións e ideas de gamers, empresas do sector comezaron a recoller toda esa información e foron creando videoxogos cada vez máis elaborados, tanto no deseño das imaxes, nos papeis de cada personaxe, voces, sons etc., así ata crear mundos virtuais como no caso de God of War, por poñer só un exemplo.

“Para min un gamer é unha persoa que desfruta dos videoxogos como pode desfrutar un afeccionado ao fútbol do seu deporte favorito” di Enrique Lagoa, propietario dun local gamer en Pontevedra, o Login Gaming Bar. Preguntado sobre cal sería o seu xogo favorito di “personalmente prefiro o League of Legends”.

LOCAIS

A apertura deste tipo de locais, o mesmo que outros lugares especializados, vai acompañada de excepticismo por parte da maioría. “A xente ao comezo non o vía claro, pero logo de que abriran algúns máis, os gamers, obviamente agradece que abran”. Sobre se agora estamos diante dunha moda a respecto dos bares gamers Enrique di “non che sei, ao mellor dentro de dez anos sae outra cousa máis innovadora”.

“Se abrín un local gamer foi porque botaba de menos que alguén se decidise, así que montei un aquí en Vigo, o primeiro” di Alejandro Pérez propietario de La Grieta. “Si que foi chocante, eu tampouco coñecía moito este mundo, sabía dun local en Pontevedra onde fun cliente, pero cando vin para Vigo abrín un local pequeno, sen grandes investimentos” pero “si é un investimento, porque primeiro busquei empresas que quixeran meter material, non puido ser así que fun poñendo eu material como particular”.  O comezo foi a base de Play 4 “e logo xogos máis sofisticados como o Smash que foron introducindo os da comunidade local de smash”. Agora os ordenadores teñen outros como Fornight.

A idade dos e das xogadoras é variable. Enrique Lagoa di “teño clientes desde os 15 ata os 34 anos, todo depende do momento do día ou de que tipo de campeonatos”. No caso de Alejandro Pérez “hai xente de dezaseis ou dezasete anos, pero tamén é certo que hai máis locais hoxe en día e cada un especializase en determinados xogos para un público determinado”.

ESPECTÁCULO

Ao final, como en case todo o que implique competición, os acontecementos gaming acaban por involucrar intereses comerciais, como calquera outra competición. Aí está The International, celebrado ata 2017 en Seattle e que chega a ter equipos competindo por millóns de dólares. O beneficio? Ben a venda de kits, ou produtos para gamers, que só se poderían adquirir dentro deste evento, a publicidade para a empresa Valve que desenvolve o xogo deste encontro o Dota 2 e o prestixio para a cidade e os beneficios da afluencia de persoas.

Os gamers divídense en diferentes categorías segundo varios parámetros. Preferencia de xogos, é dicir por tipoloxía ou formato, por soporte (se ordenador ou consola), polo nome dos programas ou pola habilidade no momento de desenvolverse na competición.

En Galicia existen plataformas ou espazos virtuais para persoas que queiran formar parte de equipos, xogar determinados deseños segundo para que soporte ou para crear máis comunidade. Ao final, a afección ao videoxogo non deixa de ser unha afección como moitas outras, coas súas vantaxes e desvantaxes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta