A EPOC, a enfermidade descoñecida que afecta aos pulmóns

A Deputación de Lugo súmase á celebración do Día Mundial desta patoloxía respiratoria. Un equipo médico proporcionará información sobre esta doenza e realizará probas de detección ás persoas interesadas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/11/2018 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

A EPOC é unha das enfermidades crónicas máis frecuentes en persoas adultas e a OMS prevé que para 2030 sexa a terceira causa de morte no mundo. As principais causas son o tabaco ou a contaminación do fogar polo fume de combustible de biomasa, como a madeira ou o carbón vexetal. De feito, un estudo realizado en 2014 polo Servizo de Neumoloxía do HULA revelou que un 20 por cento das doenzas diagnosticadas na provincia de Lugo foran provocadas polo fume de leña. Esta porcentaxe podería elevarse, xa que existen persoas afectadas que descoñecen que padecen esta doenza.

Presentación da xornada sobre a EPOC
Presentación da xornada sobre a EPOC | Fonte: Deputación de Lugo

 

Os síntomas desta enfermidade son a  tose, a expectoración e a dificultade para respirar ao

realizar esforzos físicos. Golpe Gómez explicou que unha parte da cidadanía atribúe os

problemas de respiración a cousas da idade, polo que sería posible que existisen casos sen

detectar.

 

Para poñer fin a iso, os lucenses poderanse someter de balde a unha proba de detección precoz. A espirometría, que así se chama este exame médico, consiste en soprar a través dun aparello para medir a capacidade pulmonar dos pacientes, xa que a enfermidade provoca unha obstrución dos bronquios que dificulta a respiración.

 

XORNADAS

 

Porén, aínda segue a ser unha patoloxía pouco coñecida polo público. Co obxectivo de mudar este descoñecemento, a Deputación de Lugo únese á  Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria  na organización de actividades para conmemorar o Día Mundial da Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC). Será o vindeiro mércores 14, no propio Pazo de San Marcos.

 

Nesta xornada participará un equipo de facultativos do Hula,  que informará sobre esta doenza e mesmo realizará probas de detección da patoloxía a todo aquel que estea interesado. Rafael Golpe Gómez, neumólogo do Hula e coordinador do grupo de traballo EPOC da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria (Sogapar), explicou que o fin perseguido con esta actividade é "tratar de concienciar á sociedade da importancia e a necesidade de apoiar e colaborar con este tipo de iniciativas, que dan visibilidade xa non só aos doentes, mellorando a atención aos pacientes, senón que promoven a comprensión da enfermidade e contribúen a informar á cidadanía”.

 

Na presentación desta programación tamén estivo presente o  deputado de participación cidadá, Pablo Rivera Capón, quen remarcou “o compromiso do organismo provincial con todo o tecido asociativo lucense e con entidades como Sogapar, que traballan para dar a coñecer a EPOC entre a poboación e facer unha diagnose precoz".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta