Como evitar os accidentes de tractor tras un ano con 18 mortos

Ponse marcha unha campaña en máis de 200 concellos con consellos para diminuír o número de envorcaduras e as súas consecuencias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2018 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

Unha campaña informativa chegará a un total de 208 municipios do rural co fin de pór freo aos numerosos accidentes de tractor que se producen cada ano en Galicia. No que vai de 2018 son 18 os mortos por accidentes de tractor en Galicia. Unha cifra similar a outros exercicios, xa que en 2016 houbo 15 vítimas mortais e en 2017 producíronse 20. Máis de medio cento de falecidos nun trienio.

Campaña para reducir os accidentes de tractor. XUNTA
Campaña para reducir os accidentes de tractor. XUNTA | Fonte: Europa Press

Esta campaña da Xunta, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, repartirá uns 5.000 carteis e máis de 18.000 fichas informativas en diversos lugares como comercios de maquinaria, bares, centros de saúde e colexios. Ademais, o Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia (Issga) facilitará 7.500 trípticos á Garda Civil de Tráfico para a súa distribución en controis.

De tal forma, búscanse tres obxectivos: concienciar sobre o risco do manexo de tractores, informar das causas máis habituais dos accidentes e mostrar recomendacións para evitalos. A presentación da campaña realizouse este martes en Santiago e correu a cargo da secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca; o director xeral de Emerxencias, Luís Menor; a directora do Instituto de Seguridade e Saúde de Galicia, Adela Quinzá-Torroja; a xefa provincial de Tráfico da Coruña, Victoria Gómez; e o tenente coronel xefe do sector de Tráfico de Galicia da Garda Civil, Francisco Javier Molano.

PERFIL DE VÍTIMA E TIPO DE ACCIDENTE

De tal forma, máis da metade das vítimas mortais en accidentes de tractor en Galicia teñen máis de 65 anos. De tal forma, a maioría dos sinistros son de xubilados que realizan tarefas nas súas leiras, polo que non son accidentes laborais (estes só supoñen o 6% do total). No 92% dos casos son homes.

Accidente con tractor envorcado
Accidente con tractor envorcado | Fonte: remitida

A directora do Issga chamou a atención sobre que hai unha "cifra importantísima" de accidentes entre maiores de 80 anos. Até o momento, o de maior idade foi o dun home de 92 anos.

A envorcadura do tractor supón o 47% das causas de sinistro. O 15% é por accidente de circulación como saídas de vía, mentres o 10% débese a atrapamentos. O 28% restante é por outros motivos.

RECOMENDACIÓNS

As fichas informativas inclúen varias recomendacións. Na circulación apúntase que os vehículos deben estar homologados, matriculados e coa ITV ao día. Ademais de cumprir as normas de circulación, débese respectar o número máximo de pasaxeiros e contar con elementos de seguridade en bo estado como espellos.

A causa maior da mortalidade ten que ver coa envocardura do vehículo, polo que se empraza a ter unha estrutura homologada de protección (cabina, pórtico ou bastidor), empregar o cinto de seguridade e realizar un mantemento adecuado das proteccións.

Para evitar envorcaduras avógase por non efectuar viraxes bruscas, circular a velocidade adecuada, extremar precaucións en pendentes en mal estado, non forzar se existe resistencia ao avance e empregar o peche de bloqueo dos freos en circulación e transporte co fin de pisar os freos simultaneamente, entre outros. En caso de envorcar, o condutor permanecerá dentro do tractor e agarrarase fortemente ao volante sen saltar nunca ao exterior.

Unha das cuestións sobre as que se chama a atención, xa que tamén provoca moitos dos accidentes, ten que ver con dispor e facer un bo mantemento de elementos como a protección da toma de forza (TDF) e o protector do eixo cardánico.

Aquí, recoméndase enganchar o eixo cardánico coa TDF desconectada, o motor apagado e a chave de arranque do tractor sacada. Así mesmo, chámase a non levar roupa frouxa nin o pelo solto, así como non subir ao tractor en marcha nin apoiándose na coraza protectora.

FACTORES PARA QUE GALICIA ESTEA Á CABEZA

O caso é que Galicia está entre as comunidades con maior número de falecidos en accidentes de tractor, posto que acumula diferentes factores que explican esta situación. Entre eles, atópase a dispersión, a atomización de terras provocada polo minifundismo, o envellecemento da poboación, o uso do tractor para desprazarse polo rural, así como os factores climatolóxicos.

A isto sumar o que apuntou Francisco Javier Molano, de Tráfico da Garda Civil, e é que nalgúns casos prodúcese un exceso de confianza dos condutores, así como distraccións ao volante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta