Por E.P. | VIGO | 13/11/2018 | Actualizada ás 19:47
O xulgado contencioso administrativo número 1 de Vigo ditou sentenza na que anula os acordos da Xunta de Goberno Local da cidade para modificar a relación de postos de traballo (RPT) e establecer a libre designación como sistema de provisión para os grupos de funcionarios A1 e A2, así como para a provisión definitiva, por ese mesmo sistema, de catro xefaturas de servizo.
Estes acordos foron denunciados ante os tribunais polo voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, ao que agora a sala do contencioso administrativo lle deu, en parte, a razón. Así, declarou contrarios ao ordenamento xurídico eses acordos, aínda que desestimou a pretensión esgrimida polo concelleiro de que se aprobe unha nova RPT e se convoque de inmediato a cobertura dos postos ocupados provisionalmente ou en comisión de servizo.
Na súa sentenza, o xulgado avisa ao Concello de Vigo de que a provisión de postos polo sistema de libre designación ten que ser un mecanismo excepcional e, a súa aplicación, debidamente xustificada, non só alegando unhas xenéricas "necesidades do servizo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.