Paco Sarria: "A estas alturas debería sorprenderme que houbese xornalistas a soldo de organizacións políticas"

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta axudas para medios que non fomentan o uso do galego. Fala dos tempos en que xornalistas atacaban xornalistas por sobresoldos. Ve que o futuro dos medios públicos pase por unha deslocalización xeralizada e pide máis interacción sociedade-media.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-O secretario de Organización do PPdeG, Pablo Crespo dixo en comisión parlamentaria no Congreso, que el entregaba sobres con diñeiro en negro para xornalistas durante campañas electorais. Non deu nomes, será porque se vería comprometido?
Descoñezo en profundidade o asunto. Como noticia e como xornalista non me agrada sabelo, iso devolveríanos a tempos case de post-franquismo predemocrático. Non di nada bo. Pero insisto, non coñezo o asunto en profundidade.  Se fai unha declaración así, é capaz de sostela, haberá unha verosimilitude, fai esas declaracións diante do Congreso, por tanto hai que darlle a credibilidade que ten. Non é unha boa nova, pero non podemos “lixugar” a toda a profesión porque haxa garbanzos negros.

Paco Sarria, decano do CPXG
Paco Sarria, decano do CPXG | Fonte: CPXG

-Estas prácticas eran coñecidas ou coñecíase a alguén?
Eu como xornalista descoñezo se esa práctica era habitual. Que me sorprenda? Pois a estas alturas debería sorprenderme que houbese xornalistas a soldo de organizacións políticas. Con isto vénme á memoria o tema aquel das listas negras de xornalistas en tempos de Fraga. Quero recordar que daquela si houbo xornalistas pagados para criticar outros xornalistas. Iso si é certo e recordo isto en primeira persoa.

-Esas listas eran públicas?
Iso é público. Foron publicadas nada máis chegou Fraga en 1990 e fórono en Diario 16, o antigo xornal en papel e ABC, non conto nada novo e nesas listas apareceron xornalistas da radio e televisión públicas. Despois quedaron cousas no caixón, iso armou rebumbio. Houbo máis medios que o citaron.

"Na época Fraga houbo xornalistas pagados para criticar outros xornalistas. Vivino en primeira persoa"

-Esta práctica de entregar diñeiro en negro estaría vinculada cos baixos salarios dentro da profesión?
Non quixera facer unha relación entre unha cousa e outra, eu non a quero facer. Pero que o xornalismo está mal pagado si, claro que si.

-Existe a fenda dixital dentro dos medios galegos? Avanzouse para reducila?
Creo que si se avanzou moito nos últimos anos. Outra cousa é que a opinión pública teña acceso por falta dese mesmo acceso, descoñecemento, mantemento aínda de lectura, visión e escoita de medios tradicionais e convencionais. Non obstante, nos últimos anos, hai que recoñecelo, estamos asistindo a unha irrupción de medios de comunicación dixitais, algúns non conseguiron sobrevivir pero outros están dando bos resultados e tamén están as edicións dixitais dos medios tradicionais. Se falamos de fenda, para min a fenda sería que cada vez houbese unha maior difusión ou mellor acceso por cuestións tecnolóxicas ou de publicidade deses medios de comunicación á opinión pública.

-A creación de medios en galego pero en soportes tradicionais como é o papel, é un paso arriscado?
Lamentablemente é un paso arriscado, pero como xornalista e como decano do colexio de xornalistas, defenderemos que se dean eses pasos. Manter a singularidade de vivir nunha comunidade que mantén dúas linguas oficiais, unha delas o galego, é unha cousa na que hai que afondar. Outra cousa é que lamentablemente, o diñeiro público non está apoiando esas iniciativas, cando deberían ser fundamentais. Agora mesmo, todo o investimento vai aos medios públicos, como me parece de xustiza, lóxico pola súa masa laboral, importancia, difusión e trascendencia. Pero tamén están indo a medios privados que apenas fan esforzos por defender a lingua galega, están indo aí, non sei se disfrazadas ou non, axudas que deberían estar mellor repartidas. Esa é unha vella teima que o Colexio de Xornalistas ten coa Administración autonómica, pero até o momento non fomos escoitados.

-Pero se se retirasen esas axudas de parte do goberno galego, cales serían as consecuencias?
Os medios non convencionais ou non tradicionais non as teñen, non estarían afectados. Sobre os outros medios, descoñezo cales son as súas contas para sabelo. Supoño que algún aspecto se vería afecato, pero vendo que chegan a eses medios digamos, con predilección en relación cos outros medois non convencionais, entendo que lles serve de axuda ou soporte. Como institución, o Colexio non lle nega ningún tipo de axuda a ningún medio, non está en contra, porque creo que todos os medios de comunicación en proporción de traballadores, equidade, labor que desenvolven ou área de influencia, son uns parámetros que inflúen, pero as axudas públicas son absolutamente discrecionais.

"As axudas públicas están indo a medios provados que apenas fan esforzos por defender a lingua"

-Se falamos de prensa galega, falamos de oligopolio?
Non, entendo que non, aínda que se podería falar nalgún caso de oligopolio provincial ou comarcal. O certo é que se falamos de xornais, cada un ten unha área moi determinada ou unha comarca moi marcada.

-Sobre o Ente RTVG, o Colexio pronunciouse todas as veces que o veu necesario. Pero cal é a postura logod e que o presidente da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, en comisión parlamentaria, avanzase que nun futuro só quedarían os informativos como produción propia do ente galego?
Dito así, non é un bo augurio, pero eu quixera escoitar toda a comparecencia completa, pois sei que foi unha comparecencia moi longa, de hora e pico. Para poder responder en profundidade, quixera escoitar toda a intervención, porque ao final ás veces só nos quedamos cun titular. Non estou desculpando nada, digo así, collendo ese extracto, non me gusta nada e probablemente sexa o futuro de moitos medios públicos. Agora, facendo esa mención expresa, quixera escoitar pero non tiven tempo, toda a comparecencia de dúas horas e media, por iso quixera escoitala completa para contestar con máis precisión.

-A profesión de xornalista ten que ser dignificada?
Todo xornalista que crea profundamente no labor que desenvolve, por si mesmo é digno. Dignificala en que medida? Tamén nos teñen que dignificar os lectores, oíntes e a xente que avalía o noso traballo. Ás veces miramos para nós mesmos e dicimos “temos que cambiar isto ou aquilo”, e ese traballo desenvolvémolo e procuramos, pero debemos esixir á sociedade que sexa esixente con nós, que nos pida e demande. Lamentablemente teño a impresión e penso que non son o único, que a liberdade de prensa e expresión, a ética e outras cousas relacionadas con esta profesión, teño a impresión que a cidadanía a ten moi atrás dentro das súas prioridades. Unha sociedade é democrática cando contempla entre as súas necesidades a dunha prensa libre, con indiferencia da súa liña editorial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta