O cambio climático tamén ameaza o patrimonio arqueolóxico galego

O Instituto de Ciencias do Patrimonio, do CSIC Galicia, dá a coñecer parte dos resultados da súa liña de investigación sobre esta problemática, centrándose nas desfeitas ocasionadas no illote de Guidoiro Areoso.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/11/2018 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), iniciou hai uns anos unha investigación para determinar as consecuencias do cambio global nos xacementos costeiros de Galicia, tomando como obxecto de estudo principal o litoral e as illas da ría de Arousa e recorrendo para iso a iniciativas de ciencia cidadá.

Imaxe da erosión dunha das mámoas do Illote de Areoso
Imaxe da erosión dunha das mámoas do Illote de Areoso | Fonte: Gindoiro Dixital

Agora, coa publicación do libro 'Public Archaeology and Climate Change' (Oxbow Books), parte dos resultados obtidos con esa liña de investigación están a darse a coñecer a través dun dos 18 capítulos que integran a obra na que se aborda, desde unha perspectiva internacional, a problemática dos efectos do cambio climático no patrimonio arqueolóxico. En concreto, preséntanse 16 iniciativas internacionais levadas a cabo en 15 países de Europa, América, Asia e  Oceanía, entre eles España, dirixidas á implicación e integración da sociedade no proceso de rexistro, investigación e/ou análise destes efectos.

Trátase do capítulo “Recuperación de información de sitios arqueolóxicos erosionados e destruídos: unha iniciativa de ciencia cidadá no noroeste da Península Ibérica”, entre cuxos autores figuran Elías López-Romeu, Patricia Mañá Borrazás e Alejandro Güimil-Fariña, quen desenvolveu a investigación promovida conxuntamente pola Universidade de Durham (Reino Unido) e o Incipit.

Neste capítulo preséntase a situación de Guidoiro Areoso, illote pertencente á Illa de Arousa que padeceu e padece unha forte erosión. Neste contexto, promoveuse unha iniciativa dirixida ao público xeral para recuperar, a través do seu envío por plataformas dixitais, imaxes sobre o illote. Entre 2014 e 2015 recompiláronse preto de 700 imaxes datadas desde 1990 ata 2013.

“Iso permitiu reconstruír dixitalmente algúns dos xacementos do illote xa destruídos, como a Mámoa 5, e coñecer o proceso de deterioración doutros. A erosión do illote e dos xacementos arqueolóxicos que contén segue sendo moi activa, polo que dispoñer deste arquivo dixital de imaxes é esencial para salvagardar a memoria do conxunto”, explican Elías López-Romeu e Patricia Mañá  Borrazás, quen engade que “iso serviu de punto de partida para novas investigacións, entre elas, a escavación en 2017, pola empresa Tomos  S. L. e baixo a dirección de Patricia Mañá  Borrazás, da Mámoa 4 do conxunto”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta