Abel Caballero sobre a sentenza polos cargos de libre designación: "non afecta a ningún nomeamento"

O xuíz advírte ao Concello que non pode prover a totalidade de postos de funcionarios A1 e A2 utilizando o sistema de libre designación, que só debe empregarse en casos excepcionais.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 14/11/2018 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este mércores que a sentenza do xulgado contencioso administrativo que anula dous acordos de xunta de goberno sobre a provisión de case 200 postos polo sistema de libre designación (funcionarios dos subgrupos A1 e A2), entre eles, o de 4 xefes de área, "non afecta a ningún nomeamento".

Abel Caballero
Abel Caballero | Fonte: E.P.

Segundo aseverou o rexedor en rolda de prensa, en canto a Marea de Vigo denunciou ante os tribunais os acordos --uno de xaneiro de 2018 e outro de abril de 2018-- o goberno paralizou a provisión, que tiña programada, de catro xefaturas de área "por precaución". Con respecto ao resto de funcionarios afectados pola sentenza, Caballero precisou que non haberá consecuencias porque non se nomearon traballadores polo sistema de libre designación "desde 2016".

Na sentenza, o xuíz advírtelle ao Concello de que non pode pretender prover a totalidade de postos de funcionarios A1 e A2 utilizando un sistema, o de libre designación, que só debe empregarse en casos excepcionais e debidamente xustificados, xa que a práctica habitual debe ser prover os postos mediante o sistema de concurso por mérito e capacidade.

Caballero explicou que o modo de actuación do Concello a este respecto ampárase nunha norma "aprobada en 2005", cando el non era alcalde. Así, xustificou que o goberno local limitábase a "aplicar unha normativa xa aprobada".

O alcalde engadiu, ademais, que o goberno local elaborou un plan de ordenación de recursos humanos, aprobado o 17 de xullo deste ano e que se está "negociando cos sindicatos", no que se contempla a "libre designación con concurso, publicidade e toda a transparencia" de 8 xefaturas de área, ademais doutras 31 xefaturas de servizo a través de concurso, e 44 prazas máis de subgrupos A1 e A2, tamén por concurso.

Dado que este plan empezouse a elaborar en 2016, o rexedor olívico concluíu que "a sentenza di que sigamos facendo o que xa estamos a facer". "A efectos prácticos, non ten ningunha consecuencia, non hai que refacer ningún nomeamento", insistiu.

"A CIDADE COMO UN CASARÍO"

Pola súa banda, a Marea de Vigo, cuxo portavoz, Rubén Pérez Correa, foi quen denunciou que eses acordos de Xunta de Goberno eran contrarios ao ordenamento xurídico, subliñou que a sentenza do contencioso administrativo pon de manifesto que o goberno de Abel Caballero perpetuou un "mecanismo absolutamente pernicioso" de provisión de prazas de altos funcionarios.

Pérez Correa, quen lle reclamou ao goberno local que empece a reservar partidas orzamentarias para convocar concursos e prover esas prazas con arranxo á lei, denunciou que a práctica de utilizar a libre designación de prazas provén de "entender a cidade como un cortijo", no que "os concelleiros se cren intocables en procesos xudiciais porque sempre haberá un técnico --nomeado por eles-- que asuma as culpas".

O portavoz de Marea de Vigo engadiu que existe un informe do secretario municipal no que este admite que un mecanismo excepcional estívose utilizando como práctica "habitual" no Concello, polo menos nos últimos 30 anos. O concelleiro Xosé Lois Jácome recalcou que Marea interpuxo a denuncia "en defensa dos traballadores" do Concello, xa que todos teñen dereito a poder ocupar certas prazas en función dos seus méritos e capacidades.

"NOVO ESCÁNDALO"

Mentres, o grupo municipal do PP cualificou a sentenza como "un novo escándalo en materia de persoal" no Concello de Vigo, e constatou que a Xustiza ratifica "que o alcalde non está a cumprir a legalidade".

A portavoz do grupo, Elena Muñoz, lembrou que hai unha semana presentáronse un centenar de alegacións á proba teórica para a selección de bombeiros --que só aprobaron unha vintena dos case 300 aspirantes--, "sen que o goberno dese unha explicación razoable". A xuízo da concelleira 'popular', a sentenza do contencioso administrativo deixa claro que "hai que convocar concursos e non asignar a dedo", como fai o goberno de Caballero, que ten un concelleiro de Persoal, Francisco Javier Pardo, "cuxo único mérito é ser cuñado de Carmela Silva, e que non sabe nada de dereito administrativo e de dereito dos funcionarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta