Os orzamentos de Vigo apróbanse provisionalmente cos votos en contra de PP e Marea

O Concello vigués deu luz verde de forma inicial ás contas municipais para o próximo ano por un total de 257,5 millóns de euros. Fíxose sen ter en conta as emendas presentadas polos populares e por Marea.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 15/11/2018 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O pleno do Concello de Vigo aprobou este xoves de maneira inicial os Orzamentos para o 2019 por un total de 257,5 millóns de euros sen contar coas emendas presentadas polo Partido Popular nin coa emenda á totalidade que presentou Marea de Vigo, que votaron en contra.

Un pleno do mes de outubro no Concello de Vigo
Un pleno do mes de outubro no Concello de Vigo

Por tanto, as contas para o próximo ano foron aprobadas cos votos do PSOE e quedan agora a disposición pública para as emendas dos cidadáns. Someteranse a unha aprobación definitiva nun pleno o próximo 26 de decembro.

O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiro, sostivo que estes Orzamentos dedican "integramente todos os recursos" a "mellorar as condicións de vida das persoas" e criticou que a Xunta de Galicia "non inviste" na cidade. "Vigo paga mentres Santiago aforra", repetiu durante as súas intervencións.

En concreto, segundo detallou Aneiro, estes Orzamentos dedican "31 millóns de euros a investimentos" como a peonalización de Porta do Sol, os accesos á estación da AVE, o ascensor de Juan Ramón Jiménez e a mellora da estrada provincial.

As partidas de benestar supoñen 17,7 millóns de euros e increméntanse un "280 por cento" con respecto a 2007, cando o equipo de Caballero chegou ao Concello, segundo detallou o concelleiro. Para fomentar o emprego destínanse "5.350.000 euros", que supoñen un incremento do "124 por cento" respecto de 2007.

Aneiro tamén se referiu a un aumento dun "97 por cento" no presuposto destinado a "deportes" con "16 millóns de euros" para 2019. Así mesmo, precisou que se trata dun "orzamento redistributivo" e que as "axudas sociais" supoñen "34 millóns de euros".

O concelleiro de Facenda insistiu en que Vigo ten "débeda cero" e a "presión fiscal" máis baixa de todas as cidades galegas.

EMENDA Á TOTALIDADE

O voceiro municipal da Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, manifestou que o executivo de Caballero "xoga" co superávit de maneira "perniciosa" e pediulle que recoñeza que hai partidas "que non se van a executar".

Pérez Correa asegurou que o goberno municipal descoñece "o gran problema que viven as rúas de Vigo" e que "identifica o progreso coa colocación de determinados aveños de mobiliario público".

Ademais, o portavoz de Marea de Vigo instou aos cidadáns a "empoderarse" e ao Concello a "escoitar" aos barrios porque, segundo as súas palabras, íanse  "sorprender" das súas necesidades. Así mesmo, criticou que o gasto en luces de Nadal deste ano é "maior" que o que se destina ao "cheque social".

ORZAMENTOS DECEPCIONANTES

A voceira municipal do Partido Popular, Elena Muñoz, sostivo que estes Orzamentos son "decepcionantes" e que as empresas se "escapan" de Vigo, polo que a cidade perde "peso empresarial". Engadiu que se manteñen "os alugueres máis caros de toda Galicia" e que "non hai axudas para os mozos" que se queren "independizar"

Muñoz aseverou que fixeron emendas "útiles", pero que se atoparon cun "muro" por parte do Concello. "Só como 1,3 millóns de euros son partidas novas en investimentos, o 96 por cento xa estaban", afirmou.

"O sector comercial desta cidade está a morrer", apuntou Muñoz, para logo engadir que os comerciantes "comen 12 meses ao ano, non mes e medio", en referencia á iluminación do Nadal.

Pola súa banda, o voceiro do grupo socialista, Carlos López Font, asegurou que son uns orzamentos "continuistas a mellor" e que "consolidan" un modelo de cidade.

No pleno deste xoves tamén quedou aprobada a modificación orzamentaria de 15,6 millóns de euros para indemnizar a concesionaria do Auditorio Mar de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Emenda á totalidade (e a tódolos partícipes do festin municipal) https://adiante.gal/no-patio-trasei...