Como superar o medo a conducir?

Máis de 30 psicólogos e psicólogas do ámbito do tráfico e da seguridade participan este sábado 17 en Santiago nunha xornada na que se abordará este trastorno. Demándase colaboración entre estes profesionais da psicoloxía e as autoescolas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/11/2018 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ofrece mañá 17 de novembro, unha xornada sobre a amaxofobia; é dicir, sobre o medo a conducir. Neste evento celebrado en Santiago de Compostela participarán máis de 30 psicólogos e psicólogas do ámbito do tráfico e da seguridade. Unha das demandas que se repetirán ao longo do día será a da necesidade de que psicólogos e autoescolas cooperen no tratamento deste trastorno.

Un atoamento de coches
Un atoamento de coches

O curso, que transcorrerá ao longo de todo o día no Hotel Peregrino, centrarase en abordar esta fobia a conducir, que pode aparecer como secuela psicolóxica tras un accidente de tráfico, ou mesmo por outro tipo de trauma que a persoa pode relacionar coa conducción dun vehículo. Esta é unha fobia incapacitante para quen a padece e por iso dende as autoescolas comezan a demandar atención psicolóxica neste sentido. 

O docente será o psicólogo Antonio Cabrera Rada, vogal da área de Tráfico do Colegio Oficial de Psicología de Ceuta, quen realizará unha introdución e fundamentación teórica sobre a amaxofobia para logo proceder ao estudo de casos nunha segunda parte de carácter práctico. A continuación, o psicólogo galego Diego Lorenzo Torre, xunto cos responsables de formación viaria de autoescolas Diana Parra Vilán e Jesús Vilariño Rodríguez, explorarán nunha mesa redonda as alternativas de colaboración con centros de formación á hora de tratar esta fobia a conducir. 

As posibilidades da realidade virtual na intervención psicolóxica deste trastorno centrará a última parte da xornada, que presentará o psicólogo Diego Antelo Guerra. Pecharanse as actividades cun debate no que se falará de novo dos posibles protocolos que se poden desenvolver conxuntamente entre psicólogos e autoescolas.

ACCIDENTES DE TRÁFICO

A seguridade nas estradas require un tratamento multidisciplinar no que a psicoloxía é un eixo básico, defenden dende o Colexio. Coidan que cómpre implementar estratexias na reeducación, modificación de conduta e autocontrol co fin de atallar o grave problema da reincidencia ao volante, "máis aínda cando en Galicia se incrementaron os accidentes mortais nun 40% no que levamos de ano".

Dende o Grupo de Tráfico e da Seguridade do COPG considérase de especial interese incidir neste tipo de trastornos, que afectan especialmente ás vítimas de accidentes de tráfico. Asemade, aproveitan para expresar a súa solidariedade con estes afectados, unha conmemoración que chega ao seu 25 aniversario este domingo 18 de novembro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta