Cangas e O Porriño tamén se rebelan contra a falta de pediatras

Veciños de Aldán e O Hío piden a volta do médico que foi trasladado; médicos do PAC do Porriño denuncian que catro profesionais terán que facer o traballo de oito.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 19/11/2018 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

Máis de 200 nais e pais reuníronse no centro de saúde de Cangas este luns para demandar que volva o pediatra que estaba na quenda de mañá ao consultorio que comparten Aldán e O Hío. Non son os únicos. Veciños de Cuntis tamén se mobilizaron este mes polo mesmo motivo; en outubro foi o concello da Lama e no verán foron os veciños da parroquia viguesa de Coruxo e o propio Concello de Vigo. E ás reivindicacións dos veciños do Morrazo súmanse tamén agora a dos do Porriño, que denuncian que nos próximos días catro profesionais terán que realizar o traballo que habitualmente se reparten entre oito.

Pediatría.
Pediatría.

A asociación A voz da sanidade de Cangas e as Anpas da zona do Morrazo convocaron este luns unha reunión no salón de actos do centro de saúde do concello para "abordar o problema da situación do servizo de pediatría", así como celebrar unha posterior concentración á porta do centro.

A presidenta de A voz da sanidade, Carmen Nores, definiu a convocatoria de "histórica" e explicou que "nos últimos anos" na zona tiñan "catro pediatras". Tres estaban no centro de saúde de Cangas (dous de mañá e un de tarde) e outro estaba no consultorio de Aldán-Hío.

Nores sostivo que "desde o verán" o servizo de pediatría "se centralizou" en Cangas. Respecto diso, o Sergas transmítelles que "non se vai substituír" e non haberá un pediatra no consultorio "antes de maio" do próximo ano.

Este mércores exporán a situación no Observatorio Municipal da Infancia de Cangas e o venres lerán un manifesto no pleno do concello. Ademais, Nores trasladou que rexistraron unhas "200 reclamacións" que foron enviadas ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Pola súa banda, o Sergas manifestou que "non hai pediatras en desemprego para facer substitucións" e apuntou que "estudan" distintas estratexias para conseguir que se apunten máis profesionais ás listas de contratacións, nas que lembraron que agora mesmo teñen un "16 por cento de ausentes".

Con todo, o Sergas asegura que "garanten" a asistencia pediátrica na zona "centralizando a atención no centro de saúde de Cangas" e que non se devolveu á pediatra ao consultorio de Aldán porque teñen que "priorizar" e esta zona está "cuberta".

PROBLEMAS NA PAC DO PORRIÑO

Os médicos do Punto de Atención Continuada (PAC) do Porriño, o centro con "maior presión asistencial" da área de Vigo fóra do núcleo urbano principal, denuncian que nos próximos días catro profesionais terán que realizar o traballo que habitualmente se reparten entre oito.

Os profesionais manifestan que a "incapacidade" do Sergas para atopar substitutos converteu a súa vida nun "auténtico inferno" e apuntaron que as ausencias, por diferentes motivos, de catro médicos, serán cubertas polo "persoal dispoñible en activo".

"Isto é: catro médicos pasarán de modo obrigatorio a levar a cabo o traballo que viñan realizando oito", sosteñen nunha carta os médicos deste PAC, que "avisan" á poboación que acuda a este servizo de que será atendida por "profesionais extenuados tanto física, pola dureza das quendas que se están vendo obrigados a soportar, como psicoloxicamente por non saber cando vai terminar esta situación".

Do mesmo xeito, manifestan que esta situación non é excepcional e que o pasado sábado o servizo "quedou descuberto" ao non ser cuberta unha ausencia prevista por vacacións. Neste punto, o Sergas alega que "non pasou nada" e que se buscou "outro médico" do PAC de Vigo que foi alí para "cubrir" esa praza.

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, mostrou o seu "apoio" ao persoal do PAC e tachou a actual situación de "intolerable" e "inaguantable". Á súa vez, De la Torre denunciou que a Xunta somete a estes médicos a "unha presión e unha carga de responsabilidade totalmente insoportable" e que considera aos veciños do Porriño como "cidadáns de segunda".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta