A cara máis escura do Black Friday

Este 23 de novembro chega a campaña do Venres Negro. Trae canda si descontos e rebaixas, mais tamén algúns perigos que xa teñen denunciado asociacións de consumidores. Ante este novo fenómeno comercial importado dos EE.UU., que pode facer o pequeno comercio? E cales son as trampas nas que podemos caer os clientes?

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 22/11/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Non é algo novo o feito de que se adopten as modas e usanzas americanas no noso día a día e no noso almanaque. Vimos de vivir, hai unhas semanas, un claro exemplo diso: o Halloween estadounidense no canto do Samaín celta. Á volta da esquina está outra: o Black Friday. Aínda que este evento xurdiu en América vinculado ao Día de Acción de Grazas, o certo é que xa se estendeu internacionalmente nos últimos tempos da man das grandes empresas e cadeas comerciais. Pero que pasa co pequeno comercio?, como vive isto?

Pequeno comercio
Pequeno comercio

Se ben un informe de eBay asegura que o Black Friday impulsa as pymes galegas, non se pode negar que esta campaña esperta temores e oposición entre os negocios de proximidade, que se ven en desigualdade respecto das grandes superficies ou das plataformas de venda on-line. “O 75% dos negocios autonómicos que participaron incrementaron as súas vendas entre un 10 e un 30%”, afirma ese estudo en referencia ao Venres Negro do ano pasado. Proba desta activación comercial é tamén o feito de que Correos ampliará nun 30% as súas rutas durante este campaña e aqueloutras que lle seguen (o CiberMonday, o Nadal, as rebaixas de xaneiro...)

A pesar destes datos, semella que esta non é unha realidade que se achegue a todos os niveis do mercado. De feito, xurdiron diversas iniciativas que pretenden poñer enriba da mesa as problemáticas que supoñen para as pequenas tendas estas campañas de descontos acusados. Susana Ferrol, da tenda de moda infantil Tralalá (Santiago de Compostela), é unha das comerciantes que se decidiu a plantarlle cara a esta tendencia. Así expuxo os seus motivos no Facebook:

Non está soa. “Hai un proxecto chamado ‘Pido un cambio, que naceu en Instagram e Facebook, ao que xa se uniron unhas 500 tendas” co obxectivo de reflectir a “difícil” situación do pequeno comercio. Esta iniciativa de recente creación non só se centra no Black Friday, “aínda que agora é o que máis urxe”, senón en “toda a dinámica de estar acostumando os clientes a mercar sempre con descontos”. Susana Ferrol asegura que “o pequeno comercio, de seguir así, non ten moito futuro”. Agradece as actividades que se están desenvolvendo en distintas cidades galegas e españolas ao respecto. "Hai lugares nos que empapelaron os escaparates", di, deixando asomar certa esperanza.

Liorta nas portas dun centro comercial dos EE.UU. un Black Friday
Liorta nas portas dun centro comercial dos EE.UU. un Black Friday

Por outra banda, o presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas, considera que “o comercio de proximidade ten que aproveitar as sinerxías” creadas arredor desta campaña “para manter aberto e vivo o comercio”. Estima que arredor dun 40% do comercio local rematará por sumarse ao Black Friday neste 2018. 

“Claro que ese día temos máis vendas, pero non vendemos nin antes nin despois. Estraga a campaña de Nadal, porque a xente xa fai as compras ese día".

Non obstante, aclara que “non se pode tomar isto como un aumento de vendas, porque se corresponden coas compras de Nadal, maiormente”. Seijas engade que “se se compra agora, non se vai volver comprar despois”. Precisamente este é o problema máis grande que ve Susana Ferrol no que concirne ao Venres Negro. “Claro que ese día temos máis vendas, pero non vendemos nin antes nin despois. Estraga a campaña de Nadal, porque a xente xa fai as compras ese día; e estraga todo o mes de novembro, porque todo o mundo espera por ese día concreto”. Para Seijas isto trátase, simplemente, dun “cambio de costumes dos consumidores”. 

Susana Ferrol está convencida de que “non compensa” unirse a este tipo de campañas e afirma que “os pequenos comercios que o fan é porque teñen que pagar letras”. Doutro modo, cre, “non o farían, porque acaba afogando”. Mesmo recoñece que ela tamén tentou subirse ao carro durante dous anos, pero non tardou en abandonar. “Vin que me estaba prexudicando a min mesma”, admite; "é tirar pedras contra o propio tellado".

De igual maneira, o secretario da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios, Xoán Antón Pérez Lema, tamén pon o foco no comercio de proximidade, “un elemento fundamental para integrar cidades e barrios”. Aínda que recoñece que este tipo de negocios se ven desfavorecidos fronte ás grandes superficies en campañas coma a deste venres, destaca que estas pequenas tendas “compiten en atención, en equilibrio e en servizo posvenda”. Mercar nas tendas do barrio tamén é, ao cabo, facer país. Apoiar o comercio local para que este non morra é unha responsabilidade social compartida. 

Dende a Federación Galega de Comercio avogan, iso si, por “restablecer unha política ordenada de rebaixas e promocións”. Despois de que no ano 2012 se liberalizara o período das rebaixas, esta organización mergullouse nunha “loita constante” para que se volva regular este aspecto e para evitar “desorientar a consumidores e comercio”.

OLLO! : TRAMPAS PARA O CLIENTE

As posibles ameazas do  Black Friday non só afectan a este tipo de tendas máis cativas. Como representante dunha asociación de consumidores, Pérez Lema non descoida os perigos que pode ocasionar para os clientes. “O feito de que os artigos estean rebaixados non pode implicar unha rebaixa nos dereitos como consumidor, tanto á hora de reclamar a calidade como na seguridade e nas prestacións de cada produto e servizo”, explica o secretario de Acouga. Non se pode tolerar, di, que nos coen artigos defectuosos sen previo aviso da tara, por exemplo.

Segundo o secretario xeral de Acouga, cómpre facer un consumo responsable para evitar mercar produtos que non necesitamos realmente.

E é que precisamente esa é unha das trampas nas que podemos caer durante esta campaña de ofertas. Á parte da práctica de introducir no mercado artigos defectuosos que noutras ocasións non se venderían, cómpre estar alerta para descubrir porcentaxes de descontos “infladas”, produtos doutros anos expostos coma se fosen de nova tempada ou ofertas só dispoñibles na tenda online. E, sobre todo, o máis importante: realmente necesitamos iso que imos mercar?

De acordo cun informe presentado pola comparadora de seguros Acierto.com, 3 de cada 5 consumidores comprarán de maneira impulsiva neste Black Friday.  Valorar se verdadeiramente precisamos ese produto é un dos consellos que propón Xoán Antón Pérez Lema, quen anima a practicar un consumo responsable.  “O feito de poder conseguir un prezo excepcionalmente bo, non pode crear unha necesidade en nós”, advirte o presidente de Acouga.

Á fin, xa nolo estaba anunciando o propio nome da campaña: o Black Friday tamén ten unha cara escura. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non sei se é por efecto do Venres Negro, pero o acceso ás páxinas e comentarios do GC é cada día máis complicado e sobre todo LENTO, MOI LENTO... Os novos Servidores semellan estar xa buscando información complementaria dos usuarios para cumprimentar os perfís ideolóxicos que están artellando as súas Señorías no Senado (?) https://www.noticiasvigo.es/conside... Non serei eu o único que ten problemas de acceso a GC ¿ou?