Teatro para que os nenos aprendan a comer ben

Eu cociño, ti cociñas?, de Mamá Cabra, poderá verse este venres na Sede Afundación A Coruña.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/11/2018 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

Eu cociño, ti cociñas?. Esta nova montaxe de Mamá Cabra é unha proposta anovadora, onde a cociña e a alimentación saudable se converten no medio perfecto para traballar novos aspectos curriculares dos máis novos. 

Comedor dunha escola
Comedor dunha escola

Afundación, a Obra Social de ABANCA, acollerá o vindeiro venres 23 de novembro, en dúas funcións ás 10.00 e ás 12.00 horas, a representación da nova proposta teatral de Mamá Cabra, Eu cociño, ti cociñas?. A Sede Afundación A Coruña contará coa asistencia de máis de 500 escolares procedentes de 57 centros escolares da cidade herculina e arredores. 

Timoteo cambiou o seu quiosco por un restaurante que se chama COKI, xa que estaba preocupado porque os nenos e nenas comesen de maneira saudable. Mesmo fixo un blog para dar a coñecer as súas receitas con ingredientes moi especiais porque di que cociñando pódese percorrer o mundo e facer novas amizades. 

Con esta nova proposta, Afundación desenvolve unha actividade na que se fai fincapé na boa alimentación e na que a gastronomía se presenta como unha canle máis de transmisión cultural. Foméntase, desta forma, a conxunción dunha proposta de carácter lúdico cun consistente fondo didáctico, en consonancia cos principios que marcan as actividades para escolares de Afundación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta