Descobren na ría de Arousa unha das babosas mariñas máis grandes do mundo

Até agora identificouse "erroneamente como Tritonia hombergii, unha especie máis norteña", segundo apunta o GEMM.

Por Galicia Confidencial | Arousa | 22/11/2018 | Actualizada ás 10:54

Comparte esta noticia

O Grupo de Estudo do Medio Mariño en Galicia (GEMM) atopou nas augas da ría de Arousa unha especie nova até agora descoñecida, un tipo de babosa mariña que se confundía con outra atopada habitualmente máis ao norte.

A 'Maronia gemmii', unha das babosas mariñas máis grandes do mundo e que está na ría de Aoursa
A 'Maronia gemmii', unha das babosas mariñas máis grandes do mundo e que está na ría de Aoursa | Fonte: GEMM

O novo animal bautizouse como 'Maronia gemmii', en honra ao GEMM e ao seu labor de catalogación da fauna mariña de Galicia durante máis de 10 anos. Trátase dun animal pertencente ao grupo dos nudibranquios, babosas mariñas de pequeno tamaño e espectacular colorido, moi populares entre os mergulladores.

Unha das características máis rechamantes da nova especie é, precisamente, o seu tamaño, de case 20 centímetros, que a converte nunha das máis grandes entre as súas conxéneres a nivel mundial.

Este "xigante", como o describe o GEMM, é relativamente común nas augas da ría de Arousa, pero até agora identificouse "erroneamente como Tritonia hombergii, unha especie máis norteña". O mesmo ocorría no Golfo de Cádiz, onde se atopou un individuo pertencente a esta nova especie, o que fai pensar que poida estar presente noutras zonas da Península Ibérica, segundo revela o GEMM.

Outra das peculiaridades do novo animal, á parte do seu tamaño, é a súa capacidade para escapar de posibles perigos "nadando", mediante fortes contraccións do seu corpo, que lle permiten levantarse da auga na zona da columna para deixar que a corrente o arrastre lonxe do potencial perigo.

O GEMM é unha asociación sen ánimo de lucro que foi creada para explorar e divulgar entre o público a riqueza submarina e a importante biodiversidade das augas galegas. O traballo no que se describen de forma detallada as características desta nova especie foi publicado recentemente na revista científica 'Invertebrate Systematics'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta