Correos entre Adif e Fomento días antes da posta en servizo mostran que non había "folguras" nos prazos

Tamén revelan que xa antes existía un "grave problema" de incompatibilidades do ERTMS entre vía e tren, aínda que foi "liquidado"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/11/2018 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

Mensaxes internas entre cargos de Adif e do Ministerio de Fomento días antes da posta en servizo da liña Ourense-Santiago, na que o 24 de xullo de 2013 descarrilou un tren Alvia provocando a morte de 80 persoas, mostran que non había "folguras" co cumprimento dos prazos.

O exjefe da área coordinadora de seguridade de Fomento, Eduardo Santiago. CAPTURA
O exjefe da área coordinadora de seguridade de Fomento, Eduardo Santiago. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Así o reflicten algúns destes correos electrónicos, aos que tivo acceso Europa Press, emitidos entre os días 10 e 12 de novembro de 2011. A posta en servizo foi autorizada o 9 de decembro e a inauguración (cuxa data se comprometeu previamente) produciuse o día seguinte.

Tamén revelan estes correos que xa antes da posta en servizo da liña existiu un "grave problema" pola "falta de compatibilidade técnica" entre o sistema de control das velocidades ERTMS en vía e o equipo embarcado, aínda que se adoptou "unha solución" para liquidalo.

Algo despois da inauguración, en xuño de 2012, tamén por incompatibilidades técnicas, o ERTMS embarcado desconectouse do Alvia. E fíxose despois dunha rápida comunicación entre os por entón directores de seguridade de Adif e Renfe, ambos hoxe en día investigados na causa. Numerosos expertos afirman que co ERTMS do tren activo teríase evitado o accidente.

O CARGO QUE COMPARECEU ESTE MÉRCORES

Entre as mensaxes figura quen compareceu este mércores na comisión de investigación do Congreso, Eduardo Santiago, que naquel momento era coordinador do transporte ferroviario na Dirección Xeral de Infraestruturas Ferroviarias do Ministerio de Fomento (e actualmente está na Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria).

Este cargo recibe un correo da directora de operacións e enxeñaría de rede de alta velocidade de Adif, Lourdes Porta, quen, o 11 de novembro, sinala que, unha vez establecido o calendario de probas e posta en servizo do ERTMS da liña, "non existen folguras nas actividades".

"Como xa che comentei, non existen folguras nas actividades, polo que debemos ser moi rigorosos co cumprimento dos prazos", indícalle.

A continuación, o día 12, o cargo de Fomento que esta semana compareceu na comisión de investigación ponse en contacto con outros cargos do departamento, aos que traslada que "a posta en servizo comercial desta liña é un fito prioritario tanto para Adif como para Renfe e o ministerio".

Por iso, dilles que é "urxente manter unha reunión de coordinación (...) sempre co obxectivo de cumprir coa data de posta en servizo prevista".

Ademais, Eduardo Santiago indica que "se adoptou unha solución para liquidar o grave problema exposto pola falta de compatibilidade técnica entre o equipo de vía e o equipo embarcado".

ANULOU A REUNIÓN

No entanto, dous días despois, o 14 de novembro, Santiago comunica que considera "o máis acertado" cancelar dita reunión, "dado que todas as unidades implicadas están conformes" coas actividades e prazos previstos para a liña.

Apenas pasado un mes, cumprindo a data fixada e anunciada publicamente, a liña foi inaugurada. A Dirección Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento empregou unha hora en recibir a documentación definitiva de Adif, revisala e autorizar a súa posta en marcha.

Eduardo Santiago e o tamén no seu día coordinador do Transporte Ferroviario na Dirección Xeral de Ferrocarrís José Luís González alegaron que a documentación se foi revisando nun período "máis amplo". A instrución xudicial determinou que no tramo da curva do accidente non se fixo unha análise de avaliación independente, que debería formar parte deses informes.

PETICIÓN DA PLATAFORMA

Respecto diso, a plataforma de vítimas remitiu un escrito á Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria para pedirlle "formalmente" o expediente de posta en servizo, "seguindo as instrucións do Sr. Santiago" na comisión.

"Preocúpanos moitísimo e parécenos moi grave, que como dixo o Sr. González, e así consta na transcrición da súa comparecencia, "o dossier de seguridade non se remitiu naquel momento para a posta en servizo da liña", destacan as vítimas.

Lembran que a Dirección Xeral de Ferrocarrís era nese momento "a máxima autoridade en materia de seguridade ferroviaria" e conclúen esperando que "no prazo máis breve posible" lles sexa facilitada esta información.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta