O Eixo Atlántico pide relanzar a Fundación Galicia-Europa para impulsar as relacións internacionais da Xunta

Esta institución denuncia que a actual liña política de acción exterior de Galicia ter perfil baixo, carecendo de profundidade estratéxica.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/11/2018 | Actualizada ás 21:18

Comparte esta noticia

Un informe sobre Política de Acción Exterior realizado polo Eixo Atlántico destaca a necesidade de potencia a Fundación Galicia- Europa para que recupere o seu papel como punto de encontro de intereses institucionais e privados, potenciando o seu papel en Bruxelas.

Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, presénta o documento de Política de Acción Exterior a representantes do PSdeG
Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, presénta o documento de Política de Acción Exterior a representantes do PSdeG | Fonte: Eixo Atlántico

Ademais, neste documento aposta por impulsar políticas transversais no turismo ou a mobilidade e a necesidade de reactivar a actual Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Tamén achega unha serie de conclusións de carácter xeral, como  a necesidade de crear unha acción exterior verdadeiramente participativa, a través do CAEX.

O Eixo denuncia que a actual liña política de acción exterior de Galicia ter perfil baixo, carecendo de profundidade estratéxica. “A acción exterior é máis que a presenza da Administración Autonómica nos órganos da Unión Europea. Debe ser un conxunto de obxectivos e principios, desenvolvidos por múltiples actores, institucionais e privado, que debe de ser coordinada, ordenada e potenciada”, indica.

O informe foi elaborado por José Luis Méndez Romeu, Xulio Ríos, Andoni Aldekoa, Daniel Prieto Renda e José Palma Andrés. Trátase dun documento de síntese, cunha estratexia de Acción Exterior viable, tomando como referencia experiencias de éxito na nosa contorna.

O documento foi entregado este xoves no Parlamento de Galicia ao voceiro socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, no marco dunha rolda de presentación do informe aos distintos axentes sociais galegos. No acto participaron o presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao e José Luís Méndez Romeu, coordinador do informe.

ESTRATEXIAS

O documento analiza o marco político e xurídico actual así como a evolución seguida desde a creación do Estado autonómico, dando conta dunha realidade moi distinta da que foi inicialmente concibida polo lexislador constituínte. 

O segundo capítulo pretende deseñar una Acción Exterior para Galicia a través de catro diferentes contribucións. A primeira é unha reflexión global sobre o balance e os retos principais. A segunda contribución analiza un caso de éxito recoñecido e premiado, a proxección internacional de Bilbao e o marco de internacionalización do País Vasco. O terceiro texto é unha análise da situación das empresas galegas ante a exportación. O último dos textos deste capítulo sistematiza unha Estratexia para Galicia. 

O terceiro capítulo analiza o papel das Macrorrexións europeas, no marco das cales existe a posibilidade de crear unha Macrorrexión para o Arco Atlántico, revisando as condicións necesarias e a estratexia posible. Finalmente formúlanse conclusións xerais que complementan as dos diferentes textos anteriores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta