Elnosa acusa ao Concello de Pontevedra do pehe definitivo da fábrica por "motivos políticos"

Valora o "apoio" da Xunta e apunta á "incerteza" sobre a renovación da concesión dos terreos por parte do Estado español. Anuncia que creará unha nova planta en Cantabria onde creará 155 postos de traballo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2018 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

A multinacional portuguesa Bondalti, propietaria na súa totalidade da empresa Electroquímica del Noroeste, S.A.U. (Elnosa) confirmou este venres que procederá ao peche definitivo da súa planta en Pontevedra, culpando desta decisión á "oposición destrutiva" e aos motivos "políticos" do Concello e á "falta de condicións legais que permitan o investimento na modernización e a continuidade da fábrica".

Manifestación de traballadores de Elnosa en Pontevedra
Manifestación de traballadores de Elnosa en Pontevedra

Nun comunicado, os propietarios de Elnosa indican que a clorera continuará "na rexión galega" coa actividade comercial, así como coa base loxística no porto de Vigo.

De igual forma, apuntan que se manterá a estrutura de apoio administrativo á nova planta que Bondalti está a pór en marcha na localidade cántabra de Torrelavega --cun investimento próximo aos 55 millóns de euros e cuxa inauguración está prevista para 2019--, o que leva á creación de 150 postos de traballo directos, indirectos e inducidos.

Segundo explicou a multinacional portuguesa, algúns dos actuais traballadores de Elnosa permanecerán en Galicia, mentres que outros "terán a oportunidade de traballar na nova fábrica en Torrelavega".

Elnosa foi adquirida en 2001 pola lusa Bondalti, antes CUF Química, que asegura que tivo como "prioridade" o cambio para unha tecnoloxía ambientalmente compatible e a diversificación da produción pero, segundo a multinacional, "a estratexia do Concello de Pontevedra cara á planta, que sempre se opuxo á permanencia da empresa", xunto coa "incerteza" sobre a renovación da concesión dos terreos por parte do Estado, en virtude da lei de ordenación de costas, "acumularon dúbidas que comprometeron o bo desenvolvemento da fábrica de Elnosa".

"INDEFINICIÓN LEGAL"

Neste sentido, Elnosa e Bondalti afirman que "tentaron", desde o primeiro momento, manter viva esta iniciativa industrial, pero que "a indefinición legal volveuse incompatible coa estabilidade imprescindible para calquera investimento empresarial". "Esta situación agravouse, por motivos puramente políticos, pola oposición sistemática e destrutiva do Concello de Pontevedra", acusa a multinacional Bondalti.

"A pesar do apoio da Xunta", Bondalti asegura que se viu "imposibilitada" para realizar os investimentos que tiña previsto en Galicia, "sendo obrigada a abrazar un novo proxecto industrial noutra Comunidade de España, onde foi recibida cos brazos abertos polas respectivas autoridades rexionais e locais", reza o comunicado.

Finalmente, infórmase que Elnosa procederá agora ao desmantelamento das instalacións e a rehabilitación dos terreos, traballos que teñen unha duración prevista de dous anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 A Nodadado

Estes Camándulas, despois de Enmerdar Pontevedra durante tantos anos, aínda queren se marchar sen barrer (como inquilinos que nos deixan o Piso feito un Cristo).......se tanto lle queten a Galiza por que non buscaron un lugar mais axeitado, dentro do País, para montar o seu Adefesio Industrial??.