Detidas nove persoas por pertencer a unha organización de venda de drogas na Coruña

Ingresan en prisión tres dos membros na banda, que tiña carácter familiar e estaba dirixida por un matrimonio

Por E.P. | A Coruña | 24/11/2018 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A Policía Nacional erradicou un importante punto negro de venda de droga na Coruña, que se saldou con nove persoas detidas por tráfico de drogas e pertenza a organización criminal. Cinco dos arrestados foron postos a disposición do Xulgado de Instrución Número 7 da cidade herculina, que decretou o ingreso en prisión de tres deles.

A Policía Nacional desmantela unha organización de venda de drogas na Coruña. POLICÍA NACIONAL
A Policía Nacional desmantela unha organización de venda de drogas na Coruña. POLICÍA NACIONAL | Fonte: Europa Press

A investigación, que se denomina 'Operación Margen' e aínda permanece aberta, iniciouse en xaneiro de 2018. Nunha primeira fase, a Unidade de Prevención e Reacción (UPR) da comisaría provincial da Coruña estableceu un dispositivo de seguridade e control constante no lugar de San Xosé co fin de verificar se existía unha venda polo miúdo de sustancias estupefacientes, segundo relata o corpo.

Seguidamente, a Policía Xudicial asumiu a investigación e determinou que unha familia asentada na zona e que xa fora detida con anterioridade por feitos semellantes estaba a vender heroína e cocaína de forma diaria e a ducias de consumidores --cifra que se multiplicaba as fins de semana--.

Os axentes pescudaron que a droga era transportada todos os días por unha filla da xefa da organización, que acudía ás vivendas da zona xunto á súa parella. Outros membros do clan ocupábanse da vixilancia e a seguridade, así como de controlar os consumidores que acudían ao lugar. De feito, segundo a Policía Nacional, estes chegaban a agredir a compradores descontentos coa calidade da sustancia estupefaciente que lles venderon.

Outros dous dos detidos, menores de idade, colaboraban na organización baixo as ordes da xefa, que era a avoa dun deles. A venda da droga realizábase a través dunha xanela da cociña da vivenda das cabezas da banda que tiña un enreixado exterior de seguridade sobre o que fixeran un oco polo que se realizaba a transacción da droga e o diñeiro, de modo que evitaban o contacto cos compradores.

REXISTROS DOMICILIARES

Tras varios meses de investigación, o pasado martes, 20 de novembro, estableceuse un operativo policial que rexistrou seis domicilios nos que acharon indicios que probaban a venda de estupefacientes por parte da organización familiar do lugar de San Xosé.

Así, os actuantes entraron na vivenda do matrimonio que dirixía a banda, onde se atoparon con catro individuos que estaban a fumar sustancias estupefacientes nun cuarto habilitado para iso na planta baixa. Este espazo, en condicións deplorables de sucidade e humidade, fora habilitado pola organización para que os toxicómanos puidesen consumir a droga baixo a mirada dos vixiantes da banda.

No entanto, se os consumidores querían drogarse por vía intravenosa, debían saír a unha vivenda en estado ruinoso que se situaba á beira. Alí, os axentes atoparon visibles os restos de xiringas e outros útiles.

MÁIS DE 5.100 EUROS INCAUTADOS

No rexistro na casa das cabezas da organización foron achados máis de 5.100 euros en billetes pequenos. Noutro domicilio atopáronse varias papelinas de heroína e cocaína xa preparadas para a súa venda, ademais de 20 gramos de cada unha destas sustancias. Así mesmo, interviñéronse dúas escopetas de aire comprimido.

Os investigadores consideran que os arrestados tomaban especiais precaucións no referente ás cantidades de droga que acumulaban no lugar, para así minimizar riscos ante un eventual control policial ou rexistro domiciliario. Así, varios deles xa estiveran detidos por feitos similares. Xa o mércores, 21 de novembro, apresouse a outras dúas persoas consideradas membros da organización e partícipes dos feitos ilícitos. Con estas, o total de detidos elevouse a nove.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta