Localizan un cadáver que podería corresponderse co dun percebeiro desaparecido en Ribeira

Os familiares deste home de 56 anos alertaron o domingo da súa falta. O corpo será trasladado para proceder á autopsia e á correcta identificación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2018 | Actualizada ás 11:56

Comparte esta noticia

Unha embarcación localizou, sobre as 10.30 horas deste luns, un cadáver no espigón do Carreiro (Aguiño). Segundo as primeiras informacións, o corpo podería corresponderse co do percebeiro de 56 anos desaparecido desde o domingo nesa mesma área do concello de Ribeira (A Coruña).

Salvamar Mirach. SALVAMENTO MARÍTIMO
Salvamar Mirach. SALVAMENTO MARÍTIMO

Segundo as explicacións de Salvamento Marítimo, o corpo foi avistado flotando na auga por pescadores sobre as 10,30 horas, na zona de Aguiño, onde á primeira hora deste luns se retomou a busca do percebeiro.

Efectivos da Policía Nacional e membros de emerxencias e Salvamento Marítimo diríxense á zona para tratar de recuperar o corpo, que aínda non foi levado a terra. Posteriormente, será trasladado para realizarlle a autopsia e confirmar a súa identificación.

BUSCA

O Helimer 402, a Salvamar Sagadelos e efectivos de Protección Civil por terra reemprenderon á primeira hora deste luns os labores de busca do home, de 56 anos, desaparecido desde o domingo.

Segundo a información do CIAE 112-Galicia, foron os seus familiares os que chamaron aos servizos de emerxencias sobre as 21,00 horas para explicar que o home, que saíra a recoller percebes na área de Aguiño pola mañá, non regresara a casa.

De inmediato púxose en marcha un dispositivo de procura coordinado por Salvamento Marítimo, que implicou ao servizo de Gardacostas e ao helicóptero Pesca I para inspeccionar a zona. Tamén formaron parte do dispositivo, que se prolongou até ben entrada a madrugada, efectivos de Policía Local, do concello, do GES Municipal e de Protección Civil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta