Mónica Vidal, xornalista: "Os medios teñen que deixar de ver o feminismo como unha oportunidade de negocio"

Como vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Mónica afonda na necesidade de introducir a perspectiva de xénero na información para rachar con "estereotipos que se seguen reproducindo en casos como o da Manada ou Diana Quer". Con todo, é optimista e coida que se acadaron moitos avances nos últimos tempos grazas a unha "masa crítica de xente" que xa non admite certos contidos.

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 27/11/2018 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

Mónica Vidal, xornalista da TVG, é actualmente vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Co gallo do 25-N, día contra as violencias de xénero, este colectivo renova o seu compromiso coa mellora do tratamento informativo e recalca a necesidade de botar man de manuais e guías de referencia que recollen recomendacións sobre como abordar o asunto da violencia machista. A Declaración de Compostela, por exemplo, foi un documento pioneiro que asinaron unhas 70 persoas aló polo 2004. Nel, ademais de facilitarse unha guía de práctica informativa, sinalábase a responsabilidade dos medios de comunicación na loita contra esta lacra.

A xornalista Mónica Vidal
A xornalista Mónica Vidal | Fonte: Cedida

Se ben Mónica Vidal non participou na elaboración dese texto, si que o fixo naqueloutro que leva por nome informa_Dor e que enuncia unha serie de consellos á hora de tratar asuntos que impliquen o sufrimento dos protagonistas: suicidio, saúde mental, persoas desaparecidas... E tamén, claro, violencia contra a muller.

- O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é un organismo que se pronuncia continuamente sobre como deben tratar os medios os casos de violencia machista. Que ocorre no ámbito mediático para que siga facendo falta que alguén lembre cal é a forma correcta de facelo?

Dende o Colexio estamos volvendo a recuperar todo o traballo que se fixo nos últimos anos nese sentido: recomendacións sobre como tratar estes temas, decálogos... Falouse de como inflúen a precarización e a crise no tratamento dos temas en relación á muller. Ten que ver con todas as eivas que está tendo o xornalismo nos últimos tempos. Inténtanse facer formatos máis baratos: cada vez hai menos tempo para facer reportaxes e máis para debates. Chámase a catro contertulios que opinan de todo e xa está, xa todo o mundo fala de calquera cousa. No tema da muller nótase que falta moita especialización. Ademais, moitas veces os convidados só son homes. Unha das cousas que denunciamos é que aínda falta a presenza da muller.

- Como xornalista, cal é a túa percepción sobre o actual tratamento da violencia de xénero nos medios?

Masiva manifestación en Vigo na xornada de folga feminista do 8 de marzo, Día da Muller
Masiva manifestación en Vigo na xornada de folga feminista do 8 de marzo, Día da Muller | Fonte: Miguel Núñez.

Aínda se seguen reproducindo moitos estereotipos dos roles de xénero, sobre todo con asuntos coma o da Manada, Diana Quer... Están volvendo a saltar eses resortes que cuestionan o papel da muller. Iso segue sucedendo, pero a min gustaríame dar unha mensaxe positiva. Estes días estou revisando cousas de hai dez ou quince anos e realmente si que se nota un avance. Penso que quedan moitas eivas, pero hai un progreso claro. 

- Que che fai pensar que as cousas van mellor ao ler eses textos?

Persisten moitas eivas. Hai que ter iso claro e loitar contra elas. Non se trata de ser conformistas. Pero, por exemplo, lembrei un evento –entre comiñas– que tivera que cubrir eu hai 16 anos, relacionado cunha asociación nacional de locais de alterne. Este tema volve estar moi en voga polo debate da prostitución. Daquela utilizábanse as mesmas falacias ca agora, coma a da libre elección, pero é completamente diferente o modo no que se recollía iso daquela e como se recolle agora. Textos que entón non lle chamaban a atención a ninguén, hoxe serían completamente inadmisibles e obxecto de denuncia.

Hai unha masa crítica de xente que comeza a ser consciente de cando un medio de comunicación fai un enfoque no que falta esa perspectiva de xénero, e que reclaman e apuntan que se está culpabilizando a muller ou que se está banalizando a violencia. É un traballo de dobre sentido: xornalistas –sobre todo mulleres– que están esixindo ese tratamento; e unha masa de consumidores de información que xa non tragan con todo iso. Estannos esixindo que esteamos á altura.

- O movemento existente nas redes sociais é bo indicador destes cambios?

As redes hai que analizalas dende unha perspectiva dual. Poden ser negativas, porque polarizan moito os debates e poden simplificar, pero tamén é verdade que a xente que quere ten o acceso a toda a información. Agora mesmo hai unha masa de persoas -algo que se demostrou no 8M- que están fartas e que reclaman ese tratamento diferente.

Esixen que se subliñe onde está a responsabilidade dunha agresión machista: non pode ser que se fale de mulleres mortas e que non se puntualice no asasino; non pode ser que se cuestione a muller por unha infidelidade ou unha mala palabra... Non hai nada que xustifique unha agresión machista. Estes discursos que antes coaban doutra forma –por aquilo da maldade da muller, o mito de Eva e a mazá e outras cousas que estaban tan instauradas– agora están xa moi cuestionados socialmente e obrigan os medios a formularse isto en serio.

Como produtores do relato social, temos moitísima importancia. É importante que se vexa que non é unha moda pasaxeira, que hai un avance de base social e que nos comprometamos coa igualdade. Os medios teñen que deixar de ver isto do feminismo como unha oportunidade de negocio e empezar a velo definitivamente como unha loita polos dereitos humanos.

- Cres entón que o feminismo é tratado coma unha moda nos medios?

É algo que me preocupa ultimamente. Como hai que atender a ese target novo de mulleres feministas, inclúese todos os días un tema de feminismo. Pero trátase dende un punto de vista moi comercial. Nótase unha falta de convencemento.

Eu noto que isto pasa bastante, tanto nos medios tradicionais de dereita como nos medios que se supoñen máis progresistas. Parece que se descubriu esta “novidade” e hai ese intento de compracer, pero falta un pouco de compromiso real, de comprender que hai detrás do fenómeno machista, que significa estar sometida a unha chantaxe emocional, que é a indefensión aprendida, que é a disonancia cognitiva...

Fai falta comprender cales son os mecanismos psicolóxicos que operan nunha situación de dominio dun sexo polo outro. O xornalista ten que ter a formación para entender que se a muller non denuncia é por algo. Aínda se observan postilas como “non denunciou” ou “a pesar de, volveu con el”. Afortunadamente, comprobamos que están recibindo moita contestación e eu creo que iso é positivo.

- Apuntas á necesidade de formación especializada en perspectiva de xénero. É unha carencia nas facultades de comunicación?

A falta de formación neste sentido é unha queixa que recollemos con bastante frecuencia por parte de alumnos. Pero non só sobre iso, senón en todo o que ten que ver cos códigos deontolóxicos da profesión. Isto, ao final, é un asunto de dereitos humanos. É unha eiva que probablemente as facultades deberan abordar.

- Están xurdindo, iso si, iniciativas ben interesantes que abordan esta cuestión, como a asociación das Xornalistas Galegas. En comparanza con isto, estanse quedando atrás as institucións?

Eu creo que falta compromiso institucional. Ás veces, as cousas non se poden facer sen un investimento. Quero supoñer que hai unha vontade das institucións por que isto sexa así, pero aínda falta algo ou, polo menos, chega tarde. Véndennos noticias de actuacións a posteriori –que se pagamos enterros, que se facemos funerais de estado...– pero estase incidindo moi pouco en prevención e en algo que é fundamental: na educación; é dicir, en introducir este asunto no ensino.  Sobre todo, algo que é esencial é poñer o foco nos homes, centrar os esforzos neles. Falamos todo o tempo de se a muller é capaz de saír, de dicir "non"... Pero hai que poñer o foco no sexo onde claramente está o problema.

- Refíreste a educar os homes en materia de igualdade en vez de trasladarlle ás mulleres consellos sobre como evitar esas situacións?

Si, e nas noticias nótase moito. Cuestiónase máis a muller que o comportamento do home. Iso ten que acabar e o seu fin pasa por educar o xornalista. Fai falta comprender cal é o clima social no que agroma ese tipo de mentalidade para desfacelo pola base. Para iso cómpre unha formación que faga abrir os ollos e que faga ver que o patriarcado existe, que é un mecanismo de dominación e de control, como funciona... Só comprendéndoo se poderá desfacer.

Presentación de Xornalistas Galegas
Presentación de Xornalistas Galegas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 ClaraCampoamor

Se agradece la sinceridad. Básicamente hoy en día el feminismo es un negocio para mucho político, mucha pseudoONG, mucho observatorio y mucho liberad@.

1 Xandra

Moi ben falado Mónica. Xa está ben que nos exhiban e nos vendan como se foramos mercadorías baratas só para beneficio duns poucos.