As matemáticas suxiren que unha boa organización é a mellor defensa

Científicos da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago demostran a probabilidade de que o efecto da selección natural na extensión dun hipotético patóxeno pode verse reducido en función da estrutura adoptada polo organismo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/11/2018 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Dito de forma xenérica, fronte un ataque, as últimas evidencias sinalan que a mellor defensa posible pasa por unha boa organización. Esta é a conclusión dun equipo da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que se preguntaron se a estrutura dun organismo podía reverter o proceso habitual no que, comparado cun organismo homoxéneo ou carente de estrutura, a probabilidade de que un patóxeno se estenda por todo ese organismo se amplifica a medida que aumenta a virulencia do ataque.

De esquerda a dereita, Fernando Alcalde, Pablo González e Alvaro Lozano
De esquerda a dereita, Fernando Alcalde, Pablo González e Alvaro Lozano | Fonte: USC.

Os últimos resultados responden afirmativamente a esta interrogante e demostran matematicamente que a probabilidade de que o efecto da selección natural na extensión dun hipotético patóxeno pode verse reducido en función da estrutura adoptada polo organismo, informa a USC.

O resultado é froito do traballo dun equipo de Matemáticas dirixido polo profesor da USC Fernando Alcalde e integrado por Pablo González Sequeiros (USC) e Álvaro Lozano Rojo, do Centro Universitario de Defensa de Zaragoza. Con anterioridade a este novo achado, do que dá conta a revista  PLOS ONE no artigo ‘Evolutionary regime transitions in strutured populations’, o equipo partía de traballos previos nos que descobren a existencia de arquitecturas (deseños) que reducen a probabilidade de invasión dunha rede fronte ao ataque de patóxenos, así como sobre a complexidade de cableado en redes biolóxicas e tecnolóxicas.

En modelos simples, o equipo de matemáticos mostra neste novo traballo a posibilidade de transicións múltiples entre os fenómenos de amplificación e redución da selección natural seguindo patróns moi particulares. Os mesmos investigadores xa apuntan que agora “o reto é identificar os mecanismos estruturais que favorecen este tipo de robustez fronte á invasión, tanto en modelos simples como en redes neuronais e cerebrais de distintas especies”.

Os autores deste novo traballo intégranse como equipo no grupo interuniversitario ECSING e no grupo interdepartamental BIOMAT Data Analysis da USC que coordina o profesor Antonio Goméz Tato. Creado recentemente, BIOMAT céntrase na investigación en Biomatemáticas e na análise de datos xenéticos e xenómicos. O proxecto conta co financiamento da Axencia Estatal de Investigación e a Xunta de Galicia a través do seu programa de axudas de consolidación para grupos con potencial de crecemento. Tamén colaboran o goberno de Aragón e o Centro Universitario da Defensa de Zaragoza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta