A epidemia da obesidade dispara o gasto sanitario: dous mil millóns ao ano

23,5 millóns de españoles teñen sobrepeso, un problema que aumenta desde que existen rexistros e que en Galicia é de especial gravidade. En 2016, supuxo un sobrecusto directo en todo o Estado do 2% do orzamento sanitario e calcúlase que o gasto se disparará un 58% até 2030.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/12/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Mentres millóns de persoas padecen fame negra, os saciados habitantes do chamado primeiro mundo viven noutra realidade radicalmente oposta, afectados por unha epidemia de obesidade que cruza todo o hemisferio norte. A alarma é máxima. A comunidade científica vén alertando de que o exceso de peso potencia algunhas enfermidades crónicas e reduce a calidade de vida. Malia os avisos, a súa prevalencia segue crecendo.

Unha muller con problema de obesidade
Unha muller con problema de obesidade | Fonte: Wikimedia.

Pero o problema do exceso de peso e obesidade non é só unha ameaza para a saúde, tamén o é para a sustentabilidade do sistema sanitario público. A medida que a obesidade avanza polos países ricos, tamén crecen os mortos e enfermos por causa do sobrepeso e aumentan as necesidades asistencias para tratar a estas persoas. O que se traduce en maior gasto económico.

A ameaza é maior para Galicia. O noso país é o máis gordo en España, canda Asturias. Os índices de obesidade entre os galegos sitúanse entre os máis altos. Un problema de saúde pública, pero tamén para as maltreitas arcas da sanidade pública e o sistema.

Científicos alertan agora do enorme incremento do gasto sanitario en España causado pola epidemia da obesidade.

Os datos demostran que o exceso de peso nos adultos en España aumenta desde que existen rexistros, e en 2016 supuxo un sobrecusto directo do 2% do orzamento sanitario. Con esta tendencia, calcúlase que en 2030 terá incrementado un 16% o número de casos e un 58% o seu sobrecusto sanitario directo

Así o reflicte un estudo de científicos adscritos a institucións médicas e de investigación de Cataluña, Madrid e Zaragoza. O seu obxectivo foi estimar a evolución do exceso de peso entre 1987 e 2014 en poboación española adulta, calcular os casos de exceso de peso e os seus sobrecustos médicos directos en 2006 e 2016, e proxectar a súa tendencia a 2030.

Para isto, seleccionaron 47 artigos nunha procura bibliográfica sistemática para determinar a progresión das prevalencias de sobrepeso, obesidade e obesidade mórbida e do índice de masa corporal media entre 1987 e 2014. Con estes datos estimouse o número de casos en adultos españois en 2006, 2016 e 2030 e os seus sobrecustos directos.

Os resultados indican que entre 1987 e 2014 as prevalencias de sobrepeso, obesidade e obesidade mórbida aumentaron respectivamente, de media, por ano, un 0,28%, 0,50% e 0,030% nos homes e un 0,10%, 0,25% e 0,042% nas mulleres.

O índice de masa corporal aumentou 0,10 puntos/ano en homes e 0,26 en mulleres. Estimáronse 23.500.000 casos de exceso de peso en 2016, cuxo sobrecusto médico directo supuxo 1.950.000.000 euros/ano.

De manterse esta tendencia, os científicos calculan que entre 2016 e 2030 aparecerán 3.100.000 novos casos de exceso de peso, e alcanzarase en 2030 un sobrecusto médico directo de máis de tres mil milóns de euros ao ano.

DATOS DA OMS

A Organización Mundial da Saúde (OMS) está monitorizando esta epidemia. Este ano publicáronse datos da prevalencia do sobrepeso e a obesidade no mundo no ano 2016. Son inquietantes.

Entre 1975 e 2016, a prevalencia mundial da obesidade triplicouse. Máis de 1.900 millóns de adultos de 18 ou máis anos no mundo teñen sobrepeso, dos cales, máis de 650 millóns eran obesos .Isto é, ao redor do 13% da poboación adulta mundial (un 11% dos homes e un 15% das mulleres) é obesa.

En nenos e adolescentes (de 5 a 19 anos) a obesidade aumentou de forma espectacular, do 4% en 1975 a máis do 18% en 2016. Este aumento foi similar en ambos os sexos: un 18% de nenas e un 19% de nenos con sobrepeso en 2016.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Braisiño

Mentres as multinacionais de alimentación e de comida e bebida basura manexen nos gobernos, non hai que facer. Gasto inmenso en sanidade pública.