Metais tóxicos nas algas comestibles máis consumidas en Europa

Un estudo científico comproba a presenza de aluminio, cadmio, chumbo e mercurio nestes organismos. Os investigadores subliñan o caso das augas galegas como exemplo de "exposición á actividade humana a grande escala" e a "desastres ambientais".

Por Alberto Quian | Madrid | 04/12/2018 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

O consumo de algas mariñas está a aumentar debido aos seus beneficios para a saúde e o crecemento dun emerxente sector comercializador no que Galicia quere ser unha potencia mundial. Pero non todo son boas novas para o negocio do comercio destes organismos. Científicos veñen de demostrar que as algas mariñas que consumimos acumulan metais tóxicos pola súa alta capacidade de absorción.

Algas na costa de Galicia
Algas na costa de Galicia | Fonte: DUVI.

O aluminio é o metal tóxico máis notable en todas as mostras analizadas. As algas asiáticas mostraron os niveis máis altos deste elemento químico, chumbo e cadmio, mentres que as europeas presentaron maior contido de mercurio.

Os científicos avisan de que aínda que son unha fonte de minerais esenciais, vitaminas e antioxidantes, as algas teñen unha alta capacidade de absorción que pode conducir á acumulación de metais tóxicos que son perigosos para os humanos.

O obxectivo do estudo foi determinar o contido de metais tóxicos (aluminio, cadmio, chumbo e mercurio) en mostras de algas comestibles comercializadas en España, para avaliar o risco toxicolóxico da inxesta destes metais. Un total de 73 mostras de algas europeas e asiáticas comercializadas en Tenerife foron analizadas.

As mostras seleccionadas e analizadas procedían de augas de Galicia, Portugal, Golfo de Biscaia, China, Tailandia e Taiwán.

Debido a que a contaminación do medio mariño é un dos grandes problemas que enfronta a humanidade, e a preocupación da comundidade científica vai en aumento, os autores desta investigación consideran que "o estudo do contido de metais tóxicos nas algas pode servir como un indicador de contaminación", xa que estes organismos "son un dos mellores  bioindicadores de contaminación mariña porque son estables, eficientes e a concentración de contaminantes está directamente relacionada co medio ambiente". A isto hai que engadir que "estes organismos son capaces de absorber e acumular metais sen sufrir danos", salientan os autores.

RISCOS

Metais tóxicos como o aluminio, o cadmio, o chumbo e o mercurio son contaminantes ambientais que se orixinan de actividades antropoxénicas (as realizadas polo ser humano) como a minaría ou o uso non controlado de pesticidas.

O aluminio é un metal neurotóxico que tende a acumularse no cerebro, os ósos, o fígado e os riles. A exposición prolongada a altos niveis deste metal relacionouse con enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer.

No caso do cadmio, este afecta principalmente o sistema renal, causando danos irreversibles nos túbulos renais, que están involucrados nos mecanismos de reabsorción de nutrientes. 

O chumbo é outro metal neurotóxico que tende a acumularse no corpo causando un dano grave ao sistema nervioso central, especialmente en nenos e fetos, e pode causar nefropatías, alteracións do tracto gastrointestinal e alzhéimer.

O mercurio –atopado en maiores proporcións nas algas en augas de Galicia– ten unha alta toxicidade e unha marcada tendencia a acumularse e biomagnificarse ao longo da cadea trófica. Os efectos tóxicos deste elemento están relacionados coa forma química na que se atopa, así como coa forma de entrada ao corpo; por exemplo, cando a entrada é a través do tracto dixestivo o metilmercurio é o composto con maior impacto e este acumúlase nos tecidos nerviosos.

Os científicos lembran que "as costas galegas están expostas á actividade humana a grande escala, que foi en aumento co paso dos anos". Subliñan, ao respecto, que "esta actividade humana, así como os desastres ambientais que afectaron as costas galegas, como o afundimento do barco petroleiro Prestige, danaron esta contorna natural co consecuente aumento de contaminantes, como o mercurio".

Ante a presenza destes metais, os científicos recomendan que se limite o consumo a aproximadamente cinco gramos de algas deshidratadas por día, cantidade aconsellada polos propios fabricantes na etiquetaxe destes produtos.

O estudo, titulado 'Toxic metals (Al, Cd, Pb and Hg) in the most consumed edible seaweeds in Europe', vén de ser publicado na revista científica Chemosphere e está asinado por científicos dos departamentos de Toxicoloxía e de Medicina Física e Farmacoloxía da Universidad de La Laguna (Tenerife), e do Servicio Canario de la Salud.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Estralampa

Que??? Por uns fios de plastilina em estiramento vertical??? Pero se as praias estavam esplendorosas!!!!