Premios Peña Novo

O Castelo de Soutomaior volverá ser o escenario elixido para o acto de entrega dos Premios Peña Novo, que este ano fóronlles concedidos a Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da USC, Xosé Rodriguez Cruz, etnógrafo e funcionario do Corpo Nacional de Policía e ao Concello de Ames.

Por Xosé Glez. | Redondela | 22/06/2011

Comparte esta noticia

Tódolos tres premiados teñen méritos abondos para seren recoñecidos con tales galardóns. Alba Nogueira é unha profesora da Facultade de Dereito que vén desenvolvendo un labor continuado durante moitos anos nas aulas para motivar aos seus alumnos no compromiso coa lingua galega. Predica co exemplo. Imparte a docencia no noso idioma e promove cursos e imaxinativas campañas para a súa normalización. Xosé Rodriguez Cruz é autor de moitos traballos de investigación nos eidos da etnografía e antropoloxía. O seu mérito é dobre: polas achegas bibliográficas da súa autoría, ou en colaboración con outros investigadores, e polo que supón de exemplo para os compañeiros do corpo policial ao que pertence.  O Concello de Ames coas súas actividades a prol da normalización lingüística súmase a outros que xa foron premiados anteriormente.  O xurado que lle concedeu o premio valorou moi positivamente a política lingüística desenvolvida para a inculturización dos inmigrantes asentados no territorio municipal.

Os premiados este ano son exemplos a imitaren por moitos galegos e institucións públicas ante os moitos e complicados  retos que ten que afrontar a nosa cultura nos vindeiros anos. Cómpre reaxir individual e colectivamente para reafirmarmos os alicerces da nosa singularidade identitaria, que deberá consolidarse con prácticas imaxinativas, afastadas  de  ideoloxemas e victimismos tan prexudiciais para incorporar ao discurso da galeguidade a  moitos sectores da sociedade que aínda non valoran suficientemente  o noso patrimonio cultural. Motivar a estes sectores na defensa da lingua e cultura do Pais é unha tarefa urxente e inaprazable.

En moitos galegos aínda aniña o medo a  manifestárense íntegramente galegos; galegos na lingua, na arte, na política; galegos en tódalas afirmacións da nosa vida individual, sobre todo, e na colectiva. Medo a seren demasiado galegos. Ese medo, dicía Peña Novo, non é máis que o remol do lume da servidume histórica que se foi transmitindo a través da cadea xeracional. Pero para superarmos estas eivas e reconducir a galeguización cómpre autenticidade no exercicio desa pedagoxía social á que faciamos alusión anteriormente. A firmeza nas conviccións e a variedade de recursos na didáctica que se teñen que empregar determinarán o éxito do obxectivo regaleguizador. Os compromisos e actividades de Alba Nogueira, Xosé Rodriguez Cruz e o Concello de Ames son modelos a imitar. Por esa razón o próximo día 30 recibirán o recoñecemento público por todos eses méritos xa enumerados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA