Pedro Duque apunta o valor da divulgación para concienciar sobre a importancia da ciencia e da tecnoloxía

O ministro de Ciencia anunciou na Coruña un novo programa para fomentar as vocacións científicas.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/12/2018 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, comprometeuse este martes na Coruña a promover a divulgación para concienciar á sociedade da importancia da ciencia e tecnoloxía. "Facemos ciencia excelente, pero temos dificultade para transferila á sociedade", subliñou. Así o indicou na inauguración celebrada este martes no Muncyt da Coruña da mostra 'Ciencia e Tecnoloxía en democracia 1978-2018. 40 anos de investigación e innovación en tempos da Constitución española', realizada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) para conmemorar o corenta anos da Constitución Española.

Acto no Muncyt na Coruña co ministro  Pedro Duque.. XUNTA
Acto no Muncyt na Coruña co ministro Pedro Duque.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Durante o seu discurso, Duque puxo en valor a evolución da I+D+I durante os 40 anos de Carta Magna en España e destacou a necesidade de promover a divulgación da ciencia e a innovación. Nesta liña, anunciou un novo programa de cultura científica en 2019 para fomentar as vocacións científicas e o fortalecemento dos axentes que xestionan e promoven a divulgación. "Hai que fortalecer as entidades que se dedican á divulgación científica", afirma.

COÑECER A EVOLUCIÓN

A mostra, que introduce aos visitantes no coñecemento da evolución da I+D+I en España, recolle prototipos, audiovisuais, compoñentes tecnolóxicos e paneis descritivos dunha serie de proxectos de innovación tecnolóxica que foron desenvolvidos con apoio público.

En concreto, os visitantes poden ver unha maqueta do foguete 'Arianne5' da Axencia Espacial Europea, unha motocicleta eléctrica de competición, un fármaco antisudoral, un exoesqueleto, partes do corpo humano como un tórax ou ósos en réplicas en 3D para estudos pre-cirúrxicos ou un software de realidade virtual para estudar o comportamento humano. Ao acto acudiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, entre outras autoridades.

"AVANCES" DESDE 1978

O presidente da Xunta subliñou os "avances" e o "cambio" que experimentou Galicia desde o ano 1978. "Se comparamos as fotografías de 1978 e 2018, Galicia e España fixeron o maior cambio". Aínda que recoñece que "aínda hai moito que avanzar", "o camiño non deixou de ser exitoso". Nesta liña, o titular do Executivo autonómico referiuse á evolución da Comunidade galega. "Pasamos de ser unha economía pechada a unha aberta, con máis de 6.000 empresas exportando", asegura.

Tamén resaltou os avances de Galicia en sectores como o naval, o aeronáutico ou a automoción, todo iso "froito de moito traballo". Así mesmo, destacou que Galicia é a segunda comunidade autónoma na que máis aumentou o investimento en I+D en 2017, cun incremento do 13%. Pola súa banda, o rexedor herculino situou a innovación científica como un dos "alicerces" da cidade da Coruña e puxo en valor o papel da muller na ciencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta