Temas: FEIJóO XUNTA

Feijóo fai novas reformas no aparato gobernamental

Releva a dous directores xerais que serán candidatos nas eleccións locais e Villanueva volve a Emerxencias. A xornalista Cristina Pichel releva a Cecilia Vázquez en Xuventude e o ex edil ferrolán Guillermo Evia dirixirá o Instituto de Estudos do Territorio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2018 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

O Goberno galego autorizou este mércores o cesamento da até agora directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e do seu homólogo á fronte de Emerxencias e Interior, Luis Menor, que serán candidatos do PP ás eleccións municipais de 2019 en Betanzos (A Coruña) e Pereiro de Aguiar (Ourense), respectivamente.

Reunión do Consello da Xunta do 5 de decembro. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press
Reunión do Consello da Xunta do 5 de decembro. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press

A saída de Menor propicia, segundo ratificou o presidente, Alberto Núñez Feijóo, o regreso á Xunta de Santiago Villanueva. Natural de Monterrei (Ourense), Villanueva xa exerceu de director xeral de Emerxencias entre 2009 e 2014, cando foi nomeado delegado do Goberno en Galicia.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago é funcionario do corpo superior de xestión da Xunta. Anteriormente foi subdirector xeral de Administración Local, subdirector xeral de Cooperación e Réxime Xurídico, subdirector xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais e director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública.

Por outra banda, o presidente tamén anunciou a "fichaxe" de Cristina Pichel como substituta de Cecilia Vázquez á fronte da dirección de Xuventude. Nada en Lalín en 1989, é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela.

Pichel traballou como redactora en Faro de Vigo e en ABC antes de incorporarse á Xunta, onde traballou nos gabinetes de prensa dos departamentos autonómicos de Educación e Cultura.

ESTUDOS DO TERRITORIO

O Consello da Xunta aprobou tamén este mércores o nomeamento do arquitecto Guillermo Evia Pérez como novo director do Instituto de Estudos do Territorio, cargo no que substitúe a Inés Santé, que, en palabras de Feijóo, cesa "por motivos persoais" vinculados a novos retos no ámbito da universidade.

A Xunta destaca a súa "ampla experiencia" na xestión administrativa local do tamén exedil popular, quen xa en 2006 accedeu ao Concello de Ferrol como concelleiro de Urbanismo. Entre 2011 e 2015, co exconselleiro José Manuel Rey Varela á fronte da Alcaldía, foi nomeado edil de Urbanismo e entre 2013 e 2015 ocupou o cargo de primeiro tenente de alcalde.

CONSELLO REITOR DA EGAP

Finalmente, o Executivo autonómico aprobou o decreto de nomeamento dun novo vogal do Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Será o catedrático de Dereito Administrativo Francisco Javier Sanz Larruga.

Coa aprobación desta designación, queda cuberta a vacante existente após o falecemento de José Luís Meilán Gil, anterior vogal do consello reitor da EGAP.

Temas: FEIJóO XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta