As expectativas do FIC de Verín ‘quédanse curtas’

A III edición do Festival Internacional de Curtas Vía XIV que se celebra nesta vila está tendo unha gran relevancia xa sexa pola cantidade e variedade de curtas que se proxectan, como polas actividades paralelas que se realizan.

Por X.M. Fernández | Verín | 07/12/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

No acto inaugural, o responsable de Creatividade e Multimedia do festival, Jorge Godás, comentaba falando en nome da directiva do certame que un dos obxectivos desta edición era contaxiar á poboación de Verín e contorna do entusiasmo dos organizadores e conseguir que a xente sinta curiosidade, participe nas actividades paralelas e perciba o FIC como algo enriquecedor para a vila.

Directores e xurado de visita por Verín. Foto: ConC de Comunicación
Directores e xurado de visita por Verín. Foto: ConC de Comunicación

Con esta intención este ano estase a potenciar a axenda de actividades paralelas dirixidas a todas as idades, pero en especial ao público infantil. E así, nos primeiros días da semana, o protagonismo foi para os máis pequenos. Preto de trescentos rapaces de diversos centros educativos da comarca participaron no Auditorio de Verín da iniciativa “Cinema de historias” co fin de inculcar a cultura cinematográfica e os seus valores aos máis pequenos. Coa actividade, dirixida pola conta contos Raquel Queizás, realizaron un percorrido pola historia do cine para coñecer os diferentes xéneros cinematográficos vendo fragmentos de películas de aventuras, de ciencia ficción, de fantasía, animación, drama ou comedia.

Tamén houbo ocasión estes días para ver, dentro deste certame, a proxección do interesante documental “Mar de Terra”. Un traballo centrado no entroido ourensán e proxecto colectivo realizado por cinco persoas, entre elas o músico vasco Kepa Junquera.

Outro dos obxectivos indirectos é que Verín se poña no mundo xa sexa poñendo o seu selo nos títulos de cada curta, xa sexa dando a coñecer aos directores e xurado esta fermosa cidade e a súa contorna. E así, por exemplo, o pasado día 5 algúns dos directores das curtas participantes e varios membros do xurado do FIC Vía XIV realizaron unha visita guiada por Verín e comarca. O percorrido comezou no Auditorio de Verín, e dende alí o grupo desprazouse ata o Castelo de Monterrei para máis tarde coñecer tamén a Igrexa de Santa María e o Hospital de Peregrinos.

O guía do concello que levou a visita explicoulles aos integrantes do grupo a relevancia da figura do Cigarrón de Verín e a do Peliqueiro de Laza.

Cinema de historias no Auditorio de Verín. Foto: ConC de Comunicación
Cinema de historias no Auditorio de Verín. Foto: ConC de Comunicación

Ao rematar, o grupo trasladouse ao Museo Claustro Mercedario, en Verín, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man a exposición permanente que alí se alberga. Deste xeito, o grupo descubriu as distintas maneiras de facer viño e os utensilios que se empregaron historicamente na comarca para elaboralo.

Dentro do museo, o grupo puido ver tamén o “Padrón dos pobos”, unha réplica da columna que data do ano 79 d. C. e que contén gravados de varias civilizacións entre as que se atopa a Tamagani, orixinaria da comarca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta