Un Belén lugués critica o muro de Trump e a pederastia na Igrexa

En Momán (Xermade), o párroco Luís Ángel Rodríguez Patiño inclúe reivindicacións sociais na representación do nacemento. Nesta ocasión, tamén reflicte a corrupción, os desafiuzamentos e as situacións de desigualdade social ou de violencia de xénero.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/12/2018 | Actualizada ás 11:10

Comparte esta noticia

A violencia de xénero, os desafiuzamentos, as desigualdades sociais ou as políticas de inmigración son algunhas das cruas realidades representadas no crítico Belén da igrexa de Momán (Xermade, Lugo). Un ano máis, o párroco, Luís Ángel Rodríguez Patiño, quixo retratar unha "denuncia das distintas situacións sociais que vivimos".

O Belén da igrexa de Momán, con carteis que poñen de manifesto os motivos das reivindicacións.
O Belén da igrexa de Momán, con carteis que poñen de manifesto os motivos das reivindicacións.

O nacemento aparece reflectido, entón, dun xeito un tanto diferente: nesta historia, os bancos desafiuzaron a familia de Xesús, así que este verá a luz nun pequeno pendello que contrasta coa "opulencia do Castelo de Herodes", empedrado coma se fose de mármore. Nese punto do Belén, obsérvase un valado de arame "que impide pasar aos reis, especialmente ao negro". É unha crítica ás políticas de inmigración e, especialmente, ao famoso muro de Trump na fronteira mexicana.

A "falta de humanidade" que permite situacións de pobreza enerxética represéntase neste Belén botando man dunha sinagoga completamente iluminada fronte a outras casiñas sen un ápice de luz, onde "os nenos dos pastores pasan fame". Hai, tamén, unha prisión que castiga a Igrexa e os políticos, "encarcerados por corrupción e pederastia", ademais dunha vivenda que mostra unhas mulleres explotadas laboralmente e que sufriron violencia de xénero.

Esta iniciativa xa se materializou noutras ocasións. O ano pasado, por exemplo, o Belén dáballe visibilidade aos refuxiados, á caída dos prezos do leite ou aos escraches.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta