Pachi Vázquez, exsecretario xeral do PSdG, pide a baixa no partido

O que fora conselleiro de Medio Ambiente durante o bipartito expresou que non comparte "case nada" do que fai a dirección federal nin Gonzalo Caballero. Pola súa parte, Ciudadanos nega contactos con el.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2018 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

O que fora secretario xeral do PSdeG entre 2009 e 2013, conselleiro de Medio Ambiente co bipartito e alcalde do Carballiño (Ourense) entre 1995 e 2005, Manuel 'Pachi' Vázquez, solicitou a súa baixa como militante do PSOE, segundo el mesmo confirmou a un grupo de compañeiros mediante Whatsapp.

Pachi Vázquez renuncia ao seu escano do PSdeG no Parlamento. EUROPA PRESS - Archivo
Pachi Vázquez renuncia ao seu escano do PSdeG no Parlamento. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Pachi Vázquez (O Carballiño, 1955) declinou facer declaracións e, ante a pregunta de se pensa emprender unha nova carreira política baixo outras siglas, limitouse a reenviar a Europa Press a mensaxe que difundiu este xoves pola noite no grupo de Whatsapp denominado "Espazo Común", un chat que, por certo, recomenda anular.

En conversa por Whatsapp, logo de preguntarlle se descarta por completo recalar en Cidadanos, o político carballiñés deu a entender que non ao responder co emoticono dun pulgar cara abaixo.

Malia que ao partido laranxa se teñan achegado outros exsocialistas como Francisco Vázquez, exalcalde da Coruña e padriño da presentación de Albert Rivera en Galicia no 2014, fontes de Ciudadanos aseguraron que a dirección galega non mantivo "absolutamente ningún contacto" con Pachi Vázquez.  Deste xeito, desvinculan a súa petición de baixa no PSOE dunha hipotética candidatura baixo as siglas laranxas.

DECISIÓN "MADURADA"

Na súa mensaxe a "compañeiros e amigos", Pachi Vázquez di que a decisión de tramitar a súa baixa como militante socialista é "moi madurada" e atribúea a que "nin o partido nin as persoas que o representan" están "cómodos" con el nin co que fixeron "durante moitos anos".

"Como tampouco eu estou cómodo co que están a facer desde a dirección, vetando, traizoando e enganando a compañeiros e compañeiras que deron literalmente a súa vida por uns ideais e ao mesmo tempo non comparto case nada do que está a facer a Dirección Federal e o noso secretario xeral, comunícovos que acabo de tramitar a miña baixa como militante socialista", afirma o texto distribuído por Pachi Vázquez.

No entanto, a dirección do PSdeG en Galicia confirmou a Europa Press que non ten constancia oficial de que Pachi Vázquez solicitase a súa baixa das filas socialistas e rexeitou avaliar o paso do exsecretario xeral.

"Espero que a partir de agora vos deixen tranquilos por ser pachistas e que o partido teña moitos éxitos. Grazas a todos pola vosa confianza e sinto non poder axudarvos máis", finaliza a mensaxe de Pachi Vázquez, quen nos últimos tempos era moi crítico co rumbo dos socialistas. Así, un dos últimos chíos que publicou en Twitter dicía: "Sinceramente, a alguén lle parece razoable seguir tentando pactar os orzamentos cos que nos insultan e cospen? Até onde hai que aguantar isto?".

TRAXECTORIA

Tras un breve paso polo CDS e dous anos no Parlamento galego nun escano socialista, entre 1993 e 1995, 'Pachi' Vázquez forxouse politicamente na alcaldía do Carballiño (Ourense), que ocupou durante 10 anos ata que, en 2005, o acceso do PSdeG á Xunta lle deparou o cargo de conselleiro de Medio Ambiente. Tamén exerceu a portavocía socialista na Deputación de Ourense, onde se enfrontou na oposición ao barón do PP, José Luís Baltar.

Despois da dimisión de Emilio Pérez Touriño como secretario xeral do PSdeG ao día seguinte da derrota electoral de 2009, 'Pachi' Vázquez relevouno nese cargo e como candidato á Presidencia da Xunta até setembro de 2013. Ese ano foi relevado por José Ramón Gómez Besteiro no liderado dos socialistas galegos.

Cando en maio de 2015 Pachi Vázquez anunciou a súa dimisión como deputado do Parlamento galego puntualizara que deixaba o asento no Pazo do Hórreo pero non a súa "militancia" nin a política. A súa dimisión produciuse apenas unha semana despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarase "concluído" o sumario aberto contra el por un delito de prevaricación continuada en relación ao suposto enchufe de 37 persoas no Carballiño durante a súa etapa como rexedor.

Nos últimos tempos, Pachi Vázquez era un militante socialista máis e perdera capacidade de influencia mesmo na provincia de Ourense, que noutros momentos controlaba. Socialistas que outrora se autosituaban baixo a etiqueta de 'pachistas' fóronse afastando del.

Así, en 2014 Pachi Vázquez concorreu ás primarias do PSdeG para optar á Alcaldía de Ourense pero perdeu, o mesmo destino que tivo a súa precandidatura en 2017 para a secretaría provincial.

Así, quedou fóra das primarias e a Executiva provincial proposta polo novo secretario xeral por Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, non conta con nomes afíns ao exalcalde do Carballiño en ningún dos órganos elixidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta