O PPdeG non aclara se pactaría con Vox nas municipais e culpa o PSOE do avance da ultradereita

O secretario xeral dos 'populares' galegos evita aclarar isto e xustifícase en que este partido "non existe en Galicia". Tellado erixe o PPdeG en "defensor" da Constitución, fronte a un BNG de "extrema esquerda" que "divide" Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/12/2018 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, evitou aclarar se os 'populares' pactarían con Vox nas próximas eleccións municipais en Galicia porque o partido de Santiago Abascal "non existe" aquí, xustificou para eludir responder sobre un hipotético pacto.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa. PPDEG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa. PPDEG | Fonte: Europa Press

O número dous do PP galego pediu "non falar de supostos que non existen", á vez que asegurou que ese escenario "non se dá nin se vai dar".

"Esa situación non se dá grazas a que o PP ten sido unha fórmula eficaz contra o nacionalismo en Galicia. (...) Sigamos confiando no PP, que foi capaz de parar o nacionalismo, de defender os intereses xerais de Galicia e de que Galicia non fose un terreo de confrontación", manifestou.

E é que, tras o resultado das eleccións autonómicas en Andalucía o pasado domingo, nas que Vox conseguiu ter representación nunha institución lexislativa por vez primeira, Tellado apuntou á "responsabilidade" do PSOE do crecemento deste partido, porque "se apoia en extremistas para gobernar España".

O PP "NON SE DEIXA LEVAR POR EXTREMISMOS"

No lado oposto, Tellado situou a Galicia, onde "goberna un partido que reivindica que ser galegos e españois forma parte da mesma identidade". Así, celebrou que o PP goberne aquí cunha "estabilidade que non se deixa levar por extremismos".

"En Andalucía, os andaluces votaron libremente e cada un votou o que quixo. Hai que respectar a quen votou a Vox, como punto de partida esencial", manifestou, para despois asegurar que "a formulación" é que o resultado dos comicios "marcou un desexo amplamente de cambio", despois de que o PSOE-A de Susana Díaz caese en 14 escanos.

Por tanto, Tellado apelou a "respectar" os resultados electorais, tanto en Andalucía como en Galicia e, insistindo sobre un hipotético acordo con Vox, asegurou que o PP mantén "un pacto cos galegos". "Quédense con que, en Galicia, ese escenario non se dá nin se vai dar", sentenciou.

"NON VE UN CAMBIO DE POSTURA" NO PP NACIONAL

Así mesmo, cuestionado sobre se o discurso do presidente do PP estatal, Pablo Casado, durante a campaña electoral en Andalucía se corresponde co dunha dereita moderada, o secretario xeral dos 'populares' galegos respondeu que "non hai un cambio de posición ideolóxica".

"Non se pode confundir a vehemencia e a claridade coa que un fala coa modificación de posicións ideolóxicas. O PP está onde sempre estivo, defendendo o que sempre defendemos", continuou Tellado, para dicir que "non ve un cambio de postura".

Ademais, asegurou que "o Pablo Casado "de antes da moción de censura e o Pablo Casado de despois da moción de censura" é "o mesmo". A continuación, criticou que "o que cambiou é Pedro Sánchez".

Así, ao seu modo de ver, "a ciencia debería estudar" o caso do secretario xeral do PSOE e actual líder do Executivo central, quen —en palabras de Tellado— é "o exemplo de renovación celular nun período de tempo cortísimo". "Ao acceder a Moncloa é un home novo que nin sequera defende o que defendía antes nin é capaz de criticar o que criticaba antes", esgrimiu.

COMPROMISO COA CONSTITUCIÓN

Tellado, reivindicou o "compromiso" dos 'populares' galegos coa Constitución de 1978, que este xoves cumpriu 40 anos. Así, contrapuxo esta postura fronte ao BNG, un partido que situou na "extrema esquerda" por "dividir" e "confrontar" a Galicia.

E é que o Bloque organizou este mesmo xoves, en Santiago, un acto contra a Carta Magna no que reclamaba maior autodeterminación para Galicia e aseguraba que "non hai nada que celebrar" o 6 de decembro.

Así, Miguel Tellado esgrimiu que "non hai un partido máis extremo" nin "máis radical" que o BNG. Ademais, asegurou que "a inmensa maioría dos galegos celebraron" a Constitución, á vez que destacou o papel de Galicia como "artífice" desta, pois un dos seus expresidentes —Manuel Fraga— foi "un dos pais" da Lei Fundamental.

Segundo asegurou o secretario xeral do PPdeG, Galicia "fundamenta" o seu Estatuto de Autonomía na Constitución, un "momento histórico que trouxo a democracia". "Non renunciamos a ser españois para ser galegos, nin renunciamos a ser galegos para ser españois. As nosas identidades suman e conviven de forma natural", subliñou.

Ademais, Tellado pediu ao BNG que faga "unha reflexión sobre de onde veñen, de onde están e de onde queren ir". "Non queremos unha Galicia de lazos amarelos", demandou o número dous dos 'populares' galegos, quen rexeitou "que nas próximas eleccións europeas haxa en Galicia papeletas encabezadas co nome de Oriol Junqueras —ex vicepresidente da Generalitat de Catalunya—, que actualmente se atopa encarcerado, ou con membros da antiga Batasuna".

"Non queremos unha Galicia de lazos amarelos, confrontada, dividida e minoritaria, que é a que defenden Ana Pontón e o BNG", sentenciou.

Así mesmo, preguntado sobre a posición do PPdeG ante unha hipotética reforma da Constitución do 78, despois de que Pablo Casado rexeitase este xoves "abrir en canal" a Carta Magna e a Xunta non descartase facer cambios na mesma, Tellado expresou que "o importante para que haxa unha reforma é saber en que e para que".

"O primeiro é saber que é o que quere reformar cada un e se hai as maiorías para facelo. A Constitución refórmase desde a Constitución, a democracia e os mecanismos que establece a propia lei", declarou.

Neste sentido, expresou que o PP "nunca se vai opor a todo o que sexa mellorar o marco institucional" do Estado. Pola contra, lamentou que "os que atacan" a Constitución "o que queren é modificala desde fóra" da mesma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Tellado debera escoitar de vagar o discurso dunha galega que preside o Congreso dos Deputados https://youtu.be/XNxu2FjM13o?t=25m1... Na Constitución cabemos todas! (mesmo o BNG de Ana Pontón!)

2 uu1

Publicidade gratuita especialmente quando já sabemos a resposta, o PP pactará com qualquer para manter-se ou conseguir o governo, claro que não é o único que o fará.

1 Simpatizante de Vox

Estupendo trabajo de publicidad gratis para Vox. Nunca lo agradeceremos bastante.