Abel Caballero ataca a Feijóo por quere “parar” as festas de Nadal de Vigo que son "un éxito"

Asegura que a iluminación "mobilizou" a 450.000 persoas na cidade durante a ponte.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 10/12/2018 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este luns que a iluminación e a oferta lúdica da programación de Nadal do Concello "mobilizaron" a 450.000 persoas durante a ponte da Constitución, o que evidencia que estas iniciativas están a ser "un éxito total, que supera todo o que ninguén podería imaxinar". Por iso, criticou a Feijóo por tentar “parar” estas celebracións e esixiulle desculpas.

Abel Caballero celebra o éxito das actividades do Nadal
Abel Caballero celebra o éxito das actividades do Nadal | Fonte: Europa Press

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico fixo balance das visitas e do tránsito de persoas polo centro da cidade entre o 5 e o 9 de decembro, e asegurou que, entre a rúa Príncipe, Policarpo Sanz, Urzáiz, Colón, Praza de Compostela e as zonas próximas, mobilizáronse en Vigo 450.000 persoas.

Así, detallou, entre as 18,00 e as 22,00 horas deses días, contabilizouse a 250.000 persoas que pasaron pola rúa Príncipe, sendo o 8 de decembro o día de máis afluencia, con case 99.000 persoas contabilizadas (o cálculo faise contando os viandantes que entran na rúa pola zona da Farola). A eles hai que sumar os peóns que percorreron outras rúas do centro.

O alcalde tamén informou de que, durante esta ponte, case 47.500 persoas entraron na árbore xigante instalada en Porta do Sol; máis de 9.000 visitaron o Belén da Casa das Artes; uns 15.400 visitaron o poboado do Nadal da Casa Galega da Cultura; e máis de 12.000 entraron na caseta de Papá Noel.

Así mesmo, continuou Abel Caballero, o servizo de bus turístico con rutas para contemplar as luces e os adornos do Nadal superou xa os 4.000 usuarios. Segundo o alcalde, o nivel de ocupación durante estes días, tanto de hoteis como de apartamentos turísticos, foi "do cento por cento", e "todo o que había dispoñible ocupouse".

DESCULPAS DE FEIJÓO

En definitiva, Caballero insistiu en que a programación de Nadal do Concello olívico está a ter "un éxito total, extraordinario" e "superou todo o que ninguén podería imaxinar". "E seguimos", engadiu, e lembrou que, en próximos días, poranse en marcha os mercadillos artesanais da rúa Londres, de Bouzas e O Calvario.

"Chama a atención que a Xunta reparta un folleto (de promoción turística sobre o Nadal) no que sae Vigo, pero con aparencia de que o fan eles. Non hai mención a que son actividades municipais", advertiu.

Abel Caballero reiterou que ese éxito das actividades do Nadal da cidade pon de relevo "o fracaso de Feijóo". "Feijóo vaticinou que non ían funcionar, e agora o Nadal de Vigo é o centro do programa que difunde a Xunta", ironizou.

Após insistir en que tanto comerciantes como hostaleiros, e "en xeral, os cidadáns" están "moi satisfeitos" con esta campaña, o alcalde de Vigo proclamou: "Estou a esperar a rectificación de Feijóo e que se desculpe coa cidade, que recoñeza que tentou paralo e facer que fose un fracaso".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta