A CIG cualifica de inxustas as medidas do Goberno sobre xubilación parcial e empresas electrointensivas

A central sindical considera tamén que a aplicación é moi lenta e demanda a derrogación da reforma das pensións e rebaixas nos custes eléctricos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2018 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

A CIG  ve como “inxustas, insuficientes e tardías as medidas aprobadas no Consello de Ministros/as do pasado venres sobre a xubilación parcial e a industria electrointensiva”. Así, a  central sindical “denuncia que coas disposicións recollidas no Real Decreto non se garante o acceso á xubilación aos 61 anos ao conxunto da clase traballadora, nin o mantemento dos postos de traballo nas empresas con altos consumos enerxéticos”. Desta maneira insta ao Goberno español facer as modificacións necesarias.

Paulo Carril,  secretario xeral da CIG
Paulo Carril, secretario xeral da CIG | Fonte: cig.gal

No relativo á xubilación parcial aos 61 anos con contrato de relevo, a CIG alerta “do carácter discriminatorio e inxusto da medida, xa que non inclúe a todos os traballadores e traballadoras” e ademais de “manter as condicións previas, introduce novas restricións ás empresas e ao seu  persoal”.

Nese sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, manifestaba que  "o Goberno español elimina na práctica este dereito para o conxunto da clase traballadora privando deste a moitos traballadores/as que padecen  unhas condicións laborais precarias e moi penosas". Carril lembra que hai unhas semanas, a central sindical remitiu ao Ministerio de Traballo centos de manifestos de comités de empresas “esixindo a derrogación da reforma das pensións de 2011 e manter este dereito para todos os asalariados e asalariadas”.

Carril engade que “haberá que cuantificar tamén o alcance real do Decreto na propia industria, tendo en conta que, nestes momentos, un de cada tres traballadores/as nos cadros de persoal son man de obra indirecta, que non se vería afectada por esta medida”. Ao tempo, “parte importante das actividades das empresas principais sufriron un proceso de  externalización”, a consecuencia do que “agora o persoal que realiza estas tarefas pertence a empresas multiservizos, como ETT, polo que tamén quedan fóra do acceso á xubilación parcial con contrato relevo”. A CIG anuncia que avaliará as medidas legais e sindicais a tomar ante esta grave inxustiza.

O secretario xeral da CIG apuntou a necesidade de renobar os cadros de persoal como medida real de creación de postos de traballo. Así, segundo Carril remataríase “co desemprego e o drama da emigración”. Ademais engade que  "é preciso aumentar os ingresos da Seguridade Social e do sistema público de pensións con máis cotizantes”, de cara a “ofrecer traballo digno aos nosos mozos e mozas, que regrese toda a mocidade que emigrou por mor da crise”. Carril fixo fincapé en “derrogar as reformas laborais para que favorecer unhas condicións e uns salarios xustos. Só así faremos máis forte o noso sistema público de pensións”.

ELECTROINTENSIVAS

Nun momento na que a alumineira Alcoa pretende pechar dous centros de traballo, un deles na Coruña, a CIG reclama que “os orzamentos xerais deben contemplar medidas para a industria electrointensiva”, como é o caso da industria do aluminio.

Sobre a creación dun estatuto de empresas electrointensivas, a CIG considera que “é un paso adiante para recoñecer as características específicas deste tipo de industrias con altos consumos de enerxía”, mais "as propostas contidas no Real Decreto son  insuficientes e moi lentas". Os seis meses de prazo que marca o decreto "supoñen un prazo demasiado longo, especialmente no caso de Alcoa, se temos en conta os tempos de negociación dos EREs e a falta de vontade da multinacional para paralizar os expedientes".

Para o secretario xeral da CIG “o Executivo español debe presentar propostas inmediatas con prazos e partidas concretas, e a efectivar de inmediato a través dos Orzamentos Xerais do Estado para 2019”, toda vez que o PSOE vén de anunciar a presentación do proxecto de contas en xaneiro próximo. Para a central sindical as medidas urxentes que o Goberno podería aplicar nestas contas para favorecer unha tarifa industrial estábel e predicíbel pasarían por modificar o sistema de tarifas eléctricas, compensación por CO2 para as electrointensivas e así crear unha rebaixa no prezo da electricidade. As electrointensivas terían obriga de mellorar as condicións laborais e actualizar os convenios colectivos co IPC anual. Tamén piden cambios no sistema de poxas enerxéticas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta