As novas empresas aumentan un 3,1% en Galicia, mentres que as disolucións medran nun 18,4%

Os datos, extraídos do Instituto Nacional de Estatística, refírense á variación do mes de outubro respecto de setembro. Amplían capital case 100 sociedades mercantís e redúceno unha quincena.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2018 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

O número de novas sociedades mercantís subiu un 3,1% en outubro en Galicia en relación ao mesmo mes de 2017, até alcanzar as 300 operacións, segundo os datos que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE). Asemade, as disolucións aumentaron un 18,4% en variación interanual, de xeito que o total de empresas que desapareceron foi de 112: 92 delas voluntariamente, 13 por fusión e 17 por outros motivos.

Creación de empresas en outubro en Galicia. EP DATA
Creación de empresas en outubro en Galicia. EP DATA | Fonte: Europa Press

O capital subscrito polas 300 sociedades mercantís creadas foi de case 24,24 millóns, o mesmo que o desembolsado. Tratouse de dúas sociedades anónimas, por 120.000 euros, e 298 sociedades limitadas, por 24,12 millóns.

Pola súa banda, ampliaron capital 97 empresas, por valor duns 33,1 millóns (tres sociedades anónimas por 9,7 millóns e 94 sociedades limitadas por 23,39 millóns). Reducírono 15 compañías, por 517,27 millóns e, por último, en dous casos desembolsaron dividendos pasivos, por 75.000 euros.

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, o número de novas sociedades mercantís subiu un 6,8% en outubro respecto ao mesmo mes de 2017, até sumar 7.725 empresas, á vez que as disolucións empresariais se incrementaronun 10,1%, até totalizar 1.659. Co avance de outubro, a creación de empresas retorna a taxas positivas após encadear dous meses de caídas interanuais.

O 22,3% das sociedades mercantís creadas en outubro dedícase ao comercio e o 15,6% a inmobiliarias, financeiros e seguros. En canto ás sociedades disoltas por actividade económica principal, o 22,5% correspondeuse co comercio e o 13,2% co resto de servizos.

Para a constitución das 7.725 empresas creadas en outubro subscribíronse máis de 337 millóns de euros, o que supón un descenso do 21,9% respecto ao mesmo mes de 2017, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 43.655 euros, retrocedeu un 26,8% en taxa interanual.

Das 1.659 empresas que se disolveron en outubro deste ano, o 71,9% fixérono voluntariamente, o 13,2% por fusión con outras sociedades e o 14,9% restante por outras causas.

Pola súa banda, o número de sociedades mercantís que ampliaron capital no décimo mes do ano aumentou un 6,1% interanual, até as 2.327 empresas. O capital subscrito nas devanditas ampliacións superou os 2.368 millóns de euros, cifra un 90,8% superior á de outubro de 2017. No entanto, o capital medio foi de 1,01 millóns de euros, un 79,9% máis.

En taxa mensual (outubro sobre setembro), a creación de sociedades mercantís disparouse un 31,2%, mentres que a disolución de sociedades se incrementou un 50,4%. En ambos casos trátase dos maiores repuntes nun mes de outubro do últimos cinco anos.

MADRID E CATALUÑA LIDERAN

As comunidades con maior número de sociedades mercantís creadas en outubro foron Madrid (1.878), Cataluña (1.358) e Andalucía (1.350). Pola contra, as que menos sociedades crearon foron A Rioxa (30), Cantabria (67) e Navarra (78).

Os maiores aumentos interanuais na creación de sociedades mercantís atópanse en Estremadura (+51,7%), Navarra (+16,4%) e Castela e León (+14%), mentres que os únicos retrocesos se deron na Rioxa (-11,8%), Asturias (-5,6%), Canarias (-5,4%) e Aragón (-5,1%).

Atendendo ás sociedades mercantís disoltas, as que presentaron maior número son Madrid (537), Andalucía (245) e Galicia (122). Pola contra, as que rexistran menos disolucións son Navarra (8), A Rioxa (13) e Cantabria (14).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta