Xulio Ferreiro coida que o decreto do Goberno é "insuficiente" para garantir a continuidade da planta de Alcoa

Con todo, o alcalde da Coruña admite que é un "paso na dirección correcta". Á súa vez, representantes do comité de empresa piden ao Executivo que "tome decisións" fronte á "chantaxe" da empresa.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/12/2018 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, considerou "un paso na dirección correcta" o decreto lei aprobado polo Goberno para diminuír os custos enerxéticos da industria electrointensiva, pero coida que é "insuficiente" para garantir a continuidade da fábrica de Alcoa. Nunha xornada celebrada no Paraninfo da Universidade da Coruña (UDC) sobre o presente e futuro desta empresa, Ferreiro manifestou que as medidas anunciadas "chegan tarde".

Traballadores de Alcoa Coruña diante da factoría
Traballadores de Alcoa Coruña diante da factoría | Fonte: Galicia Confidencial

"Alcoa non pode esperar seis meses cando hai un ERE encima da mesa e cando periga a continuidade da empresa", dixo en alusión á fábrica da Coruña e á comunicación de peche por parte da multinacional que tamén afecta á planta de Avilés (Asturias).

Por outra banda, insistiu en que "calquera solución" ten que pasar por un marco enerxético estable. Por iso, considerou necesario "avanzar" no estatuto das electrointensivas. En canto ao decreto, defendeu tamén que o Goberno debería levalo ao Parlamento "para tramitalo como proxecto de lei e melloralo coa achega dos grupos".

No contexto actual, considerou positivo que se manteña a negociación entre a compañía e os comités de empresa da Coruña e Avilés, "pero calquera solución que non pase pola continuidade da actividade industrial, non é boa solución", salientou.

"CHANTAXE" DE ALCOA

Pola súa banda, Miguel Conde, membro do comité de empresa de Alcoa na Coruña e participante nestas xornadas, volveu a pedir a retirada dun ERE extintivo que consideran "nulo".

Ademais, argumentou que a multinacional busca "facer unha chantaxe ao Goberno" coa súa presenza na poxa de interrumpibilidade. Por iso, instou ao Executivo central a "tomar decisións". "Se agora non buscamos unha solución, iso non nos vale", afirmou sobre o decreto.

Mentres proseguen as negociacións coa empresa, os traballadores convocaron para o venres unha manifestación que partirá ás 15.30 horas do Edificio de Sindicatos, lugar onde tamén rematará.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta