Feijóo pide empezar a negociar canto antes co Goberno central a transferencia da AP-9

O presidente da Xunta solicita sentar co Executivo central en canto o Congreso dea luz verde á tramitación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2018 | Actualizada ás 16:22

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerou que, unha vez que o Congreso dea luz verde á tramitación para que Galicia pase a ter a titularidade da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, é o momento de que o Goberno central e o autonómico senten na mesa da comisión mixta de transferencias para establecer os termos desta actuación.

Feijóo, após a rolda de prensa do Consello da Xunta. XUNTA
Feijóo, após a rolda de prensa do Consello da Xunta. XUNTA | Fonte: Europa Press

"Espero que esta tarde se confirme o que os grupos xa adiantaron que é votar a favor da toma en consideración e sentarnos para falar da transferencia da Autoestrada do Atlántico", dixo o presidente apenas unha hora antes de que comezase o debate no Congreso dos Deputados. PP e PSOE avanzaron que apoiarán a tramitación da lei, xunto con outros partidos como o grupo confederal en que está integrado En Marea, polo que sairá adiante.

Feijóo lembrou que "é a primeira vez que o Congreso abre a posibilidade" do traspaso da titularidade —até agora o debate da lei aprobada no Parlamento de Galicia fora vetada polo Goberno de Mariano Rajoy—, polo que considerou que se a Cámara Baixa aposta pola tramitación, "automaticamente manda" a Xunta e Goberno de España "a responsabilidade de chegar a un acordo".

"Ábrese unha esperanza, que espero que finalice con éxito", manifestou Feijóo, quen defendeu que o Ministerio de Fomento, o de Administracións Públicas e a Xunta "senten para concretar o contido e o alcance do contido desta transferencia". "Se non houbese acordo, esa transferencia non se produciría; e se o houbese, esa mesa de negociación sería factible", apuntou.

Feijóo considerou que os galegos "merecen esta transferencia, porque afecta o 60 por cento da poboación galega" e "ás zonas máis poboadas de Galicia". "E non podemos seguir con este nivel de encarecemento permanente, ano a ano, da peaxe que a converte neste momento na autoestrada máis cara de España", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta