Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2018 | Actualizada ás 12:57
A taxa de actividade emprendedora creceu un punto en Galicia no 2017, de xeito que pasou do 3,99% do 2016 ao 5,06% actual, segundo o informe do grupo GEM Galicia (Global Entrepreneurship Monitor, un consorcio composto por equipos investigadores de distintas nacionalidades).
Na presentación do documento este xoves en Santiago, a directora técnica do GEM Galicia, Isabel Neira, explicou que un 34% das iniciativas emprendidas teñen como motivación a necesidade, fronte a un 60% que responden á oportunidade.
Este dato, o do 60% de emprendedores por oportunidade, segundo valorou, está "ben", tendo en conta que "a situación precrisis non se vai a volver dar".
Por outra banda, chamou a atención sobre outra das conclusións do estudo: un dos aspectos sobre os que debe traballar a comunidade galega é en reducir o medo ao fracaso en mulleres que queren emprender un novo negocio.
"NON PODEMOS ADORMECER"
Aínda que "está xenial" subir un punto en emprendemento nun ano, Neira advertiu de que Galicia "non pode adormecer nos loureiros". O 5% da taxa de actividade emprendedora significa que un 5% da poboación está implicada en iniciativas de primeira etapa, que son aquelas que teñen menos de tres anos e as que crean emprego; é dicir, as máis dinámicas, segundo ela mesma expuxo.
Logo dun 2016 no que a taxa de emprendemento feminino foi "a máis alta da historia", en 2017 este índice mantense e "recuperan os homes". A idade media do emprendedor, segundo apuntou, vai "baixando" e hai "moitos universitarios emprendendo".
No relativo ao emprendemento por necesidade, avisou de que "o problema" é que se acometa a idea con rendas inferiores aos 20.000 euros, co cal "o éxito non é fácil". De feito, un 46% destes supostos acaban en fracaso. Cando a contía supera os 40.000 euros, "só fracasa o 16%", contrapuxo.
Por iso, avoga por "máis apoio financeiro", aínda que comentou que, sen ser contraditorio, o acceso ao financiamento "xa non é un problema recorrente" e un 37% dos enquisados sostén que lle falta esta vía.
En calquera caso, a directora técnica do GEM Galicia sinalou que "nin se emprende moito por necesidade nin hai moito abandono" de negocios na comunidade, posto que se dan traspasos e circunstancias nas que non falta a rendibilidade. Por iso, apostou por dinamizar todas as fases no "longo" proceso do emprendemento.
Posteriormente, deu paso a un coloquio cos asistentes ao acto no que abordaron a necesidade de "traballar no retorno" daquel talento que emigrou de Galicia.
IGAPE E USC
O citado acto contou, entre outros, coa presenza do novo decano da facultade de Económicas, Xoán Ramón Doldán e o director do Igape, Juan Cividanes, que reivindicou o "marco integral de apoios" do Goberno galego.
Respecto diso, comentou aos presentes que a Xunta coordina actuacións de asesoramento para o deseño de proxectos e axudas para a creación, a consolidación e a proxección exterior das novas empresas.
Pola súa banda, o vicerreitor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Pérez Muñuzuri, chamou a atención sobre as novas oportunidades da economía circular, outro dos apartados que aborda o informe. "Necesitamos capital risco e temos que mellorar na transferencia no ámbito das humanidades", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.