Os traballadores de Alcoa en San Cibrao tamén irán á folga o 19 por unha tarifa que lles dea "viabilidade"

Advirten que, igual que os centros da Coruña e Avilés teñen agora a "pistola na caluga", é "moi posible que en seis meses" tamén a teña a planta da Mariña.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 13/12/2018 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

Os traballadores da planta Alcoa en San Cibrao (Cervo, Lugo) decidiron en asemblea de maneira unánime convocar unha folga para o próximo día 19, coincidindo cos paros que secundarán os cadros dos centros da Coruña e Avilés.

Fábrica de Alcoa en San Cibrao, en Cervo (Lugo). EUROPA PRESS - Archivo
Fábrica de Alcoa en San Cibrao, en Cervo (Lugo). EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Segundo destacou o presidente do comité de empresa de San Cibrao, Xosé Paleo, en declaracións a Europa Press, a "pistola na caluga" que teñen nestes dous centros é "moi posible que en seis meses" a teña a planta da Mariña luguesa.

Polo tanto, para reivindicar a consecución dunha tarifa eléctrica "que dea viabilidade" á industria electrointensiva, e en concreto á do aluminio, sumaranse a esta xornada de folga, á que están chamados os 1.200 profesionais da factoría.

Tamén demandarán co paro "que se desenvolva o decreto lei" que acaba de aprobar o Goberno, porque tal e como está, segundo Paleo, é "unha declaración de intencións" e "non concreta nada".

Así mesmo, esixirán a retirada dos expedientes de regulación extintivos para A Coruña e Avilés,  que a empresa "sente" durante o próximos seis meses e busque "unha alternativa" para as dúas fábricas. "Se (Alcoa) non quere continuar, que as venda", expuxo o presidente do comité de Cervo.

"MERCADO GLOBAL"

Por outra banda, Xosé Paleo indicou que en San Cibrao non teñen "problema algún" en que se fagan auditorías nos distintos centros de Alcoa para tratar de demostrar a súa rendibilidade. En calquera caso, subliñou que compiten todos nun "mercado global no que existen tarifas estables e con prezos case tres veces máis baratos aos de España".

A folga do 19 en Alcoa en San Cibrao está previsto que teña un seguimento maioritario, segundo estima Xosé Paleo, a tenor da decisión "unánime" deste xoves. Será de 6.00 a 22. 00 horas, de forma que abarcará as quendas de mañá, tarde e o ordinario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta