A Xunta modificará a Lei do Solo para construír vivendas para “temporeiros” reconvertibles en casas de turismo rural

Tamén potenciará o turismo en solo rústico, especialmente o relacionado cos camiños de Santiago.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2018 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a autorización no Consello da Xunta da modificación do regulamento da Lei do solo, para entre outras cuestións, permitir a construción de vivendas para “temporeiros” e “vixiantes” en terreo agrario. O obxectivo, dixo, é “garantir a seguridade xurídica econtribuír a dinamizar e fixar poboación no medio rural galego, facilitando o apoio á construción e rehabilitación de vivendas”.

Casas no rural galego
Casas no rural galego | Fonte: Xunta.gal

Por iso, esta modificación permitie facer vivendas para temporeiros cando o ciclo dos produtos esixa, periodicamente, o traballo coordinado de persoas que a oferta laboral local non pode atender. “Por exemplo a tempada do morango que é de varios meses e os temporeiros non teñen onde vivir”, dixo. Unha vez xa fóra de temporada, os propietarios das explotacións agrícolas poderán destinar esas vivendas como casas de turismo rural.

Tamén se permitirán vivendas para persoas que exerzan tarefas de vixilancia, asistencia, xestión ou control derivadas das características da explotación e unha segunda construción destinada a vivenda, aínda que exista unha vivenda familiar asociada á mesma explotación. “Un suposto que servirá, por exemplo, para facilitar a remuda xeracional nas explotacións, de forma que os mozos que as asuman teñan a posibilidade de ter a súa propia vivenda”, dixo Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello.

Así mesmo, potenciarase o turismo en solo rústico, especialmente o relacionado cos camiños de Santiago ao concretar o concepto de albergues turísticos vinculados á rede dos camiños, xa que serán considerados como tales os que se empracen nun ámbito con declaración de ben de interese cultural, nas contornas de protección dos camiños e os que se empracen na franxa de 30 metros dos camiños non delimitados.

REHABILITACIÓN

Por outra banda, a Xunta quere apostar pola rehabilitación das construcións tradicionais existentes en calquera categoría de solo rústico ou en núcleo rural para recuperar a riqueza do patrimonio construído no rural. O presidente da Xunta precisou que na mesma edificación pode desenvolverse máis dun uso.

Para iso, a Lei do Solo introducirá unha serie de cambios a nivel administrativo e de planeamento urbanístico para recoller e clarificar o ámbito de aplicación do Plan básico autonómico en vigor desde outubro deste ano. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta