‘Grandes viños de viñas vellas’, a recomendación da guía Luis Paadín dos caldos valdeorreses

A nova edición da prestixiosa guía de viños de Luis Paadín foi presentada esta mañá na sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. Contén 1.010 fichas de cata de viños de toda Galicia e distingue 118 marcas procedentes de 34 adegas desta zona.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 14/12/2018 | Actualizada ás 17:14

Comparte esta noticia

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, cualificou a “Guía de Viños, Destilados e Bodegas de Galicia” de Luis Paadín como “un referente” dos viños galegos”. Segundo sinalou, ten por tras “un traballo moi serio e rigoroso que se evidencia, por exemplo, en que non admite publicidade de ningún tipo”.

Luis Paadín e José L. García Pando. Fonte: D.O. Valdeorras.
Luis Paadín e José L. García Pando. Fonte: D.O. Valdeorras.

A edición do vindeiro ano contén 1.010 fichas de cata de viños de toda Galicia. No caso de Valdeorras, son 118 as marcas distinguidas procedentes de 34 adegas (19 Gran Oro, 67 Oro y 32 Plata), case o 80% do total, o que –segundo García Pando- “evidencia o poderío e a calidade dos nosos viños”.

O coordinador da publicación, Luis Paadín, manifestou na presentación que a Guía de 2019 é o resultado dun intenso ano de traballo de cata, documentación e redacción. Segundo se detalla na publicación, cada ano apréciase con maior intensidade “a diferenciación de cada terruño baseada máis no viñedo e menos nas prácticas enolóxicas, sen dúbida un reflexo das tendencias internacionais”. No caso de Valdeorras cobran especial relevancia “os grandes viños obtidos en viñas vellas”, tal e como destacou Paadín.

Tamén aproveitou a ocasión para agradecer o apoio por parte do sector produtivo de Galicia ao terse rexistrado nos últimos anos unha tendencia á alza dos viños catados, que no caso da nova edición da guía aumentaron nun 20%.

A publicación conta con máis de 200 mecenas e da edición de 2019 téñense editado 2.000 guías, das que aproximadamente 1.100 xa están prevendidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta