Unha aposta editorial valente: a fotografía de autor en tempos da instantaneidade

O proxecto Cousa Nostra preséntase esta tarde en Cambre como "o motor de expansión e difusión da creatividade fotográfica en Galicia". A iniciativa pretende ser unha vía de "saída digna" para aqueles artistas que queiran plasmar nun libro a súa obra visual.

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 15/12/2018 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

Nun tempo no que os datos editoriais non deixan moito oco á esperanza, os novos proxectos que agroman son cualificados de afoutos e arriscados. Podería ser este o caso de Cousa Nostra, unha editorial que aposta nada máis e nada menos ca pola fotografía de autor. A iniciativa preséntase este mesmo 15 de decembro na Casa de Cultura Vila Concepción de Cambre (A Coruña), ás 19.00 horas.

Libros
Libros | Fonte: websafari.es

Alberte Sánchez, un dos editores que encabeza o proxecto, admítese sabedor das dificultades que atravesa o mundo editorial. De feito, as últimas estatísticas indican que o número de títulos editados en Galicia caeu nun 5,9%. Aínda así, os promotores de Cousa Nostra coidan que a súa intención é a de ser un "motor de expansión e difusión da creatividade fotográfica en Galicia".

A fotografía de autor, di Alberte, adoita ver a luz a través da autoedición. "Nós queremos darlle unha saída digna a estes libros: que leven un ISBN, un depósito legal, que se poidan comprar en liña ou onde sexa" e evitar así que esas publicacións á marxe dos circuítos habituais queden relegadas ao "caixón do esquecemento". 

Con este obxectivo, os artistas que inauguran esta primeira colección son Simone Maestra, Luís Botana e Carolina Martínez. Todos eles -xunto con Mercedes Queixas Zas, secretaria da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, e Marcos Ferreiro, o outro editor de Cousa Nostra- participarán no acto de presentación desta tarde. Os propios autores "teñen poder de decisión sobre o deseño do seu libro", que será sempre tratado con moito agarimo, explica Alberte Sánchez. 

A súa aposta constitúe, ademais, unha sorte de contrapunto fronte á saturación de imaxes momentáneas que inundan as redes sociais. "Realmente, cando un fotógrafo traballa nunha serie fotográfica está creando unha narración", e iso é o que se traslada á publicación final. Pola contra, as fotos instantáneas da Internet quedan frecuentemente xusto niso, no intre. "Non digo que estean mal, simplemente que é outra cousa distinta", recalca o representante de Cousa Nostra. 

Respecto do seu público obxectivo, esta editorial non se pecha a nada: diríxese tanto a aqueles lectores que se encadren máis nun perfil próximo ao de coleccionista, como a un público xeral. Con esa filosofía de facer casar eses dous colectivos, os seus primeiros libros irán numerados e asinados polo autor ou autora, pero tamén contarán cun prezo "bastante asequible" para todos os petos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta