Así son os que votan a partidos populistas de ultradereita

O investigador galego José Rama Caamaño presenta un estudo no que se cuestiona o estereotipo do votante da nova extrema dereita en Europa. A súa análise evidencia que os partidarios do neofascismo non pertencen só ás clases baixas e os máis maiores, tamén están entre a mocidade, as clases medias e persoas con maior nivel educativo. O apoio a partidos populistas en Europa triplicouse nos últimos vinte anos.

Por Alberto Quian | Madrid | 19/12/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O populismo de ultradereita está de novo en auxe en Europa e ameaza a convivencia dos pobos, como aconteceu hai un século. Quen vota por estas formacións neofascistas lideradas por demagogos? Cal é o perfil dos cidadáns que están facendo emerxer as mesmas propostas racistas, xenófobas, homófobas, proteccionistas, ultranacionalistas e fascistas que tinguiron de sangue, odio e terror o Vello Continente no século XX, canda o comunismo? Se ben o perfil xeral dos votantes da nova ultradereita se atopa entre os votantes de maior idade, os que teñen menor nivel educativo e os que pertencen ás clases sociais baixas, nos países menos afectados pola crise económica dáse a particularidade de que os electores dos partidos populistas de extrema dereita tenden a ser os máis novos e cidadáns cun nivel educativo máis alto. 

A ultradereita española e francesa: Santiago Abascal (VOX) e Marine Le Pen (Frente Nacional de Francia)
A ultradereita española e francesa: Santiago Abascal (VOX) e Marine Le Pen (Frente Nacional de Francia) | Fonte: VOX.

Estas son as conclusións do estudo científico 'Who are the losers of the economic crisis? Explaining the vote for rightwing populist parties in Europe after the Great Recession', publicado na Revista Española de Ciencia Política, asinado polo investigador galego José Rama Caamaño —graduado en Ciencia Política e Administración Pública pola Universidade de Santiago de Compostela— e o profesor de Ciencias Políticas Guillermo Cordero, ambos os dous adscritos á Universidad Autónoma de Madrid. Os resultados do estudo son útiles para tentar identificar, atallar e erradicar de raíz o mal do neofascismo en Europa.

Para a análise utilizáronse datos de doce países de Europa Occidental, recollidos do European Election Studies: Finlandia, Bélxica, Países Baixos, Francia, Grecia, Italia, Austria, Dinamarca, Alemaña, Luxemburgo, Suecia e Reino Unido. Aínda que os "perdedores da globalización" —que se identifican cos maiores, cos que teñen menor nivel educativo e coas clases sociais baixas— son os que conforman a principal base electoral dos partidos de extrema dereita, "o éxito destas formacións foi maior nos países menos afectados pola crise e, en certos contextos, os chamados 'perdedores' da globalización non foron a base electoral destas formacións", sublíñase no estudo. 

España é o último país onde a ultraereita acadou representación nun parlamento. Foi nas recentes eleccións andaluzas, onde o neofascismo irrumpiu con forza, con 12 escanos, baixo a bandeira de Vox. As enquisas a nivel estatal abren a porta a este partido ao Congreso español.

Antes, a ultradereita xa irrumpira con ímpetu en Europa coa Fronte Nacional en Francia, o Partido da Independencia (UKIP) no Reino Unido, o Partido Popular Danés, o Partido da Liberdade de Austria, Alternativa para Alemaña, a Unión Cívica Húngara (FIDESZ) ou Amencer Dorado en Grecia; todos eles, partidos ultranacionalistas. Curiosamente, en Portugal e Irlanda, dous dos países sometidos ao severo castigo do rescate financeiro da UE e que coñeceron como poucos o drama da crise económica, da que rexurdiron con forza, están —de momento— libres do auxe da ultradereita.

De acordo con algunhas investigacións, a fonda crise económica que experimentou Europa desde 2008 derivou nun castigo aos gobernos estatais, a diminución do apoio ás institucións democráticas —parlamentos, gobernos e partidos, entre outros— e o apoio a novos partidos ou formacións marxinais. 

Os mellores resultados electorais logrados polos partidos de extrema dereita non se deron nos países máis castigados pola crise económica, senón en Austria, Dinamarca ou Alemaña, entre outros, destácase neste traballo publicado na Revista Española de Ciencia Política. É máis, o veleno da ultradereita intoxicou a milleiros de mozos con estudos superiores, como en Grecia e Francia, poñen por caso os autores.

Polo tanto, semella simplista a lectura que fan algúns sociólogos, politólogos e xornalistas sobre o perfil dos votantes de partidos populistas de extrema dereita, tradicionalmente identificados como individuos pertencentes ás clases máis desfavorecidas e que apoiarían estas opcións seducidos polo discurso demagóxico sobre a inmigración e a globalización como supostas ameazas para o emprego dos nativos (unha falsidade desmontada por estudos científicos realizados en diversos países de Europa, que teñen demostrado con datos os beneficios da emigración para as economías nacionais).

"Despois da Gran Recesión, en lugares onde a economía está a mellorar, os perdedores da globalización son os principais partidarios dos partidos populistas de extrema dereita (os máis maiores, os que pertencen á clase traballadora e os que teñen niveis máis baixos de educación). Cando a economía está en declive (cun aumento notable nas taxas de desemprego), o principal apoio electoral para estes partidos non provén dos perdedores da globalización, senón dos mozos, daqueles que pertencen ás clases medias e dos que teñen maior nivel de educación", describen Caamaño e Cordero.

Cos resultados das súas análises na man, os autores argumentan que "os estudos que afirman que o éxito dos partidos populistas de extrema dereita durante a Gran Recesión foi posible grazas ao apoio electoral dos 'perdedores da globalización', esquecen o feito de que diferentes contextos económicos poden xerar diferentes perfís de votantes".

Na súa explicación, Caamaño e Cordero salientan que "nos países onde o PIB [produto interior bruto] diminuíu e o desemprego aumentou, as persoas máis novas e máis educadas (é dicir, as persoas que sufriron as consecuencias máis profundas da crise) mostraron unha maior propensión a apoiar partidos populistas de extrema dereita".

"En contextos de privación económica relativa, o empeoramento das condicións laborais das persoas novas e ben educadas pode xerar un novo perfil de votante dos partidos populistas de extrema dereita, as cales se poden sentir atraídas polos discursos populistas destes, afastándose así dos partidos tradicionais de dereita", engaden.

Doutra banda, o apoio a estas forzas ultradereitistas "é maior entre os máis maiores e as persoas con menor nivel educativo nos países menos afectados pola recesión económica, onde estes perfís corresponden aos tradicionais 'perdedores da globalización'", proseguen.

Polo tanto, "os votantes de partidos populistas de extrema dereita teñen diferentes perfís sociodemográficos en diferentes contextos, dependendo dos efectos da Gran Recesión", conclúese no estudo, no que se subliña a "necesidade de combinar explicacións individuais e contextuais" para entender esta nova expansión da ultradereita.

AUXE DO POPULISMO EN EUROPA

O xornal británico The  Guardian —un dos máis prestixiosos do mundo, pertencente ao que os anglosaxóns chaman a "quality press" (prensa de calidade)— publicou a finais de novembro pasado os resultados dun macroestudo científico sobre o aumento do apoio aos partidos populistas —de dereitas e esquerdas— no continente europeo. Segundo o estudo, estes movementos triplicaron o seu apoio no últimos vinte anos. De feito, estes aumentaron a súa porcentaxe de voto conxunta de ao redor do 7% a máis do 25% nas eleccións xerais, no conxunto dos Estados. 

O número de europeos gobernados por un executivo con polo menos un membro populista pasou de 12,5 millóns en 1998 a máis de 170 millóns en 2018. En total, son 11 os Estados nos que se coou o populismo no Goberno.

"O crecemento constante no apoio aos partidos populistas europeos, particularmente á dereita, revélase nunha análise innovadora da súa representación nas eleccións estatais en 31 países europeos durante dúas décadas, realizado por The Guardian xunto con máis de 30 científicos políticos destacados", salienta o xornal británico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta