As denuncias por violencia de xénero aumentan un 12,3% en Galicia

No terceiro trimestre do ano, contabilizáronse un total de 1.784 casos. A taxa de 10,7 vítimas por cada 10.000 mulleres é unha das máis baixas do Estado, que rexistra unha media de 17,1.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/12/2018 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos recibiron un total de 1.784 denuncias por violencia de xénero no terceiro trimestre do ano, é dicir, un 12,3% máis ca no mesmo período de 2017, cando se presentaron 1.589.

Manifestación en Vigo contra a violencia machista
Manifestación en Vigo contra a violencia machista | Fonte: Miguel Núñez.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o número de mulleres que aparecen como vítimas mantense practicamente igual, pois pasou de 1.500 entre xullo e setembro do ano pasado a 1.502 neste exercicio.

Pola súa parte, a gran maioría das denuncias -1.310- chegaron aos órganos xudiciais a través de informes policiais con denuncia da prexudicada.

O TSXG deu conta este luns dos datos publicados polo Observatorio contra a Violencia de Doméstica e de Xénero, que tamén reflicten unha diminución en Galicia das vítimas que se acollen a dispensa para non declarar. Así, se no terceiro trimestre de 2017 optaron por esta opción 108 mulleres, este ano fixérono 92, é dicir, o 5,2% das vítimas.

TAXA DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Con todo, Galicia é unha das comunidades que rexistra unha das taxas de violencia de xénero máis baixas. Por cada 10.000 mulleres, cóntanse 10,7 vítimas, bastante por debaixo da media estatal (17,1) e só por enriba de Castela e León e Estremadura. 

No terceiro trimestre do ano solicitáronse 523 ordes de protección e medidas de protección e seguridade das vítimas, mentres que en 2017 se pediron 478, o que supón un aumento dun 9,4%. Das 523 incoadas adoptáronse 355, segundo os datos feitos públicos este luns polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero.

O 91,7% das persoas axuizadas na Comunidade galega por delitos relacionados con violencia de xénero entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano foron condenadas. Este dato sitúa a Galicia por encima da media estatal, que é do 89%. Así mesmo, o 100% dos axuizados por este tipo de delitos nas audiencias provinciais galegas foi condenado, fronte ao 69% das persoas xulgadas nos órganos penais. Só Estremadura, A Rioxa e Navarra teñen unha porcentaxe maior de condenas entre os axuizados nos xulgados do Penal, un 71,6%, 71,4% e 70,7%, respectivamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta