O tramo máis perigoso da rede estatal de estradas, en Lugo

Trátase dos primeiros oito quilómetros da N-642, vía que discorre pola Mariña. Galicia é a cuarta comunidade con maior proporción de estradas con risco elevado, segundo EuroRAP.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/12/2018 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

O tramo máis perigoso da rede de estradas do estado está na provincia de Lugo, segundo o XVI estudo EuroRAP. En concreto, trátase do oito primeiros quilómetros da N-642, a vía que vertebra a Mariña. Ademais, a comunidade galega é a cuarta con maior proporción de estradas con risco elevado, co 14,86%.

Unha estrada de Lugo
Unha estrada de Lugo | Fonte: Wikimedia

Así as cousas, de 2.119,7 quilómetros analizados en Galicia polo estudo, que elabora o Real Automóbil Club de España (RACE), un total de 314,9km son considerados de risco elevado. Este dato supón un descenso de 2,2 puntos porcentuais respecto da última edición do estudo. Desta volta, foi presentado este luns en Madrid polo RACC. Nel tamén participan a FIA, o Ministerio de Fomento, a DXT e as administracións de Murcia, País Vasco, Navarra, Aragón e Cataluña. 

O informe, que ten en conta datos do últimos tres anos (2015-2017), identifica os tramos de estrada con maior risco de accidentalidade grave ou mortal en función da cantidade de vehículos que circulan por eles, así como os tramos con máis concentración de accidentes.

POR PROVINCIAS

Por provincias, os tramos de risco en 2018 segundo RACE na comunidade galega son os seguintes. En Lugo, sete: un na N-642 (desde o cruzamento coa N-640 até o cruzamento coa N-634 en Ribadeo), dous na N-640 (do final da zona urbana de Monterroso á LP de Lugo a Pontevedra e do cruzamento coa N-540 ao final da zona urbana de Monterroso), outro na N-540 (do principio da zona urbana da Barrela ao cruzamento coa N-525 en Cambeo), outro na N-640 (do principio de Pontenova ao principio de Meira) e outros dous na N-120 (do principio coa ligazón de Quiroga ao principio da ligazón da Pobra do Brollón e da ligazón de Seguín á ligazón de Penalva).

Na Coruña son catro os tramos de risco identificados: na N-634 (da LP de Lugo á Coruña ao principio da zona urbana de Sesmonde), na N-547 (principio da zona urbana de Melide ao final da de Boente), na N-550 (do cruzamento coa C-542 a Betanzos ao final de Ordes) e na N-6 (do principio de Ouvides ao final da variante de Betanzos).

En Ourense, o estudo de RACE recolle tres: dous na N-541 (do principio da zona urbana de Dacón ao final da zona urbana da Almuzara e de Barbantes, cruzamento coa N-120, ao principio da zona urbana de Dacón) e un na N-120 (da Rúa, cruzamento coa N-536 a Ponferrada, ao principio da ligazón de Quiroga).

E por último en Pontevedra, figuran tres, un na N-541 (que vai do principio de Sacos ao cruzamento coa PO-224), outro na N-640 (que vai do final de Caldas a Vilagarcía de Arousa) e un último na N-550 (do principio de Paredes ao cruzamento coa N-552).

FALECIDOS E ÍNDICE DE RISCO

O informe especifica datos como o número de accidentes rexistrados nestes tramos de estrada, e sobresaen, precisamente, as cifras destes dous últimos: na N-640, no tramo de Caldas a Vilagarcía, houbo 14 sinistros, con catro falecidos e 19 feridos graves; mentres, na N-550 de Paredes ao cruzamento coa N-552 contabilizáronse 12 accidentes, dous mortos e 11 persoas feridas de carácter grave.

Con todo, foi un tramo da provincia da Coruña, o que vai até Sesmonde da N-634, o que se anotou máis falecementos: cinco, en sete accidentes e con tres feridos grave. Pola súa banda, na N-550 do cruzamento a Betanzos a Ordes houbo tres mortes e tres feridos graves.

En calquera caso, medido en índice de risco, os oito primeiro quilómetros da N-642 en Lugo son os que arroxan un valor máis alto. Os seguintes maiores índices de risco na comunidade son o dos apenas 12 quilómetros da N-541 en Pontevedra e o duns 11 quilómetros na N-640 en Lugo.

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, máis de 3.000 quilómetros da rede teñen un risco elevado ou moi elevado de accidente grave ou mortal, o que representa o 12,2% do total. Con todo, segundo indica o documento, o risco de accidentalidade diminuíu polos datos de 2017, ano no que aumentou o tráfico pero diminuíu a mortalidade. No entanto, no resto de rede interurbana (titularidades autonómicas e deputacións), as vítimas mortais aumentaron.

Pola contra, máis de 18.300 quilómetros teñen un risco baixo ou moi baixo de sinistralidade grave ou mortal, o que representa o 73,8% do total. Neste sentido, as autoestradas son as vías máis seguras, cun 65% de rede cun índice de risco moi baixo, xunto ás autovías (50% de risco moi baixo). Son as estradas convencionais de calzada única as que contan con máis puntos negros ou vermellos de accidentalidade, cun 22% de quilómetros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta